O Templo da Veracruz e a súa praza contarán con nova iluminación ornamental no próximo mes de maio. O concello destina 87.000 a este proxecto.

O Templo da Veracruz, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) dende o ano 1995 coa categoría de Monumento Histórico-Artístico, será obxecto dunha actuación integral na súa iluminación ornamental exterior e no contorno axardinado da praza da Veracruz.
Búscase así paliar as deficiencias no seu funcionamento e resaltar a singularidade arquitectónica do edificio.
Dado o alto valor patrimonial do templo, os traballos desenvolveranse co máximo respecto ao conxunto arquitectónico e a nova instalación traducirase en puntos de luz máis respectuosos coa arquitectura orixinal.
Así mesmo, o uso de tecnoloxía LED suporá unha mellora substancial na eficiencia enerxética, ao tempo que contribuirá á redución da contaminación luminosa e ao control do exceso de iluminación sobre o monumento.
Como parte do proxecto, tamén se recuperarán os xogos de luz ideados polo arquitecto Antonio Palacios, autor do templo, coincidindo coa conmemoración do 150 aniversario do seu nacemento.
Así pois, esta iluminación contribuirá non só á mellora estética e funcional do contorno, senón tamén á valorización do interior do templo e á súa identidade histórica e cultural.
O concelleiro de turismo, Manolo Dacal, indica que a obra supón un investimento de 87.000 euros e comezará a súa execución no vindeiro mes. Esta actuación forma parte das actuacións de mellora da eficiencia enerxética do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “O Carballiño e a gastronomía do polbo”, enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiado pola Unión Europea a través dos fondos
NextGenerationEU.