O vocalista dos Diplomáticos do Acordeón, Joaquín Barreiro, Os Abrentes e o Beariz Fútbol Sala, homenaxeados 2023 pola Asociación de Amigos Terra de Montes
A Asociación de Amigos da Terra de Montes, como asociación cultural leva a cabo unha serie de actividades encamiñadas a promocionar a comarca histórica de Terra de Montes tanto mediante a organización de actividades culturais, societarias e tamén no ámbito social. A actividade máis recoñecida e seguida é a Xuntanza Anual que este ano se celebrará en Forcarei o día 5 de agosto. No marco desta xornada haberá actos culturais societarios e tamén se realizará unha homenaxe a tres figuras importantes para a Terra de Montes.
Homenaxes 2023
Joaquín Barreiro Varela, vocalista dos “Diplomáticos do Acordeón”, ex funcionario do Concello de Forcarei. Polos méritos que concorren na súa persoa, como difusor da música da nosa comarca, como home que consagrou a súa profesión ao servizo dos veciños, pai de familia e un referente para as xeracións que o suceden como exemplo de bonhomía e xeneroso terramontés.
A Asociación cultural “Os Abrentes” de Cerdedo. Unha asociación senlleira no ámbito da música e a cultura dentro da Terra de Montes, no seu seo formáronse músicos durante máis de 30 anos de historia e levan a ledicia da nosa música a centos de celebracións na nosa terra.
O Club de Fútbol Sala Beariz. Este club é a máis importante sociedade deportiva de Beariz e leva unha historia de participación en diversas competicións provinciais dando a oportunidade de xogar a moitos rapaces de Beariz e arredores ao longo de máis de 30 anos dunha historia que aínda segue.
A homenaxe consiste na entrega dunha enseña por parte da Asociación a cada un dos premiados ao remate do xantar que terá lugar no restaurante París da vila de Forcarei. Todos aqueles que queiran acompañar e amosar o seu respecto aos homenaxeados poden reservar o seu prato mediante unha mensaxe de Whatsapp no número 607306171 e facendo o ingreso na conta bancaria da asociación 2080 5444 8630 4010 8647