O voceiro no congreso Antonio Hernando súmase á campaña dos socialistas carballiñeses

18, Maio 2015

O candidato do PSdeG á alcaldía do Carballiño, Paco Fumega, expresou o seu compromiso firme coa defensa dos servizos sociais para conseguir un Carballiño “máis xusto, solidario e de progreso”. Así o afirmou nun Encontro con Maiores que tivo lugar no Aparthotel Arenteiro  e no que participou o portavoz do Grupo Socialista no Congreso, Antonio Hernando. Tamén asistiron outros dirixentes socialistas, xunto a Pachi Vázquez, que está a desenvolver un papel moi activo nesta campaña electoral.

Fumega destacou que o seu programa inclúe un amplo apartado de proxectos en materia de servizos públicos e sinalou que un dos principais compromisos da candidatura que representa é conseguir a lista cero en servizos sociais. “É algo que é posible destinando mais recursos, porque hai que priorizar e ter en conta o que necesita a xente”, sinalou.

Referiuse á situación que sufriron durante estes anos as traballadoras de Axuda no Fogar debido á desidia e ineficacia do PP e lembrou que os socialistas “sempre estivemos a carón destas traballadoras, así como de todos os colectivos que nos necesitaron, na defensa dos seus dereitos”.

Destacou que O Carballiño ten unha poboación maioritariamente envellecida, polo que é necesario ampliar os equipamentos sociais e de atención á dependencia, crear un Centro de Día, poñer en marcha un programa de Respiro Familiar para os que atenden a persoas maiores e un Banco do Tempo Municipal.

Ademais destas propostas, Fumega destacou que como alcalde instará á Xunta á apertura inmediata e con xestión pública de todas as prazas proxectadas na Residencia do Cornuval “un proxecto que fixemos os socialistas, e que é incomprensible que siga baleira coa falta que fai”.

O candidato á alcaldía destacou que os socialistas “somos os principais defensores do público, dos servizos sociais, da sanidade, das pensións, sobre todo hoxe, que hai xente que necesita mais que nunca de axuda, nós estamos sempre ao seu lado”.

O portavoz do Grupo Socialista no Congreso, Antonio Hernando, incidiu tamén nesta idea ao lembrar que “hai moita xente que o está pasando mal, e hai algúns que se dedican a dicir que xa saímos da crise, pero non é así. O Carballiño necesita un alcalde como Paco, que coñece o seu pobo, sabe dos problemas dos seus cidadáns, e defende os seus dereitos”.

Hernando lembrou que non haberá recuperación ata que todos recuperemos os dereitos que nos quitaron nestes anos, e criticou os recortes en sanidade, servizos sociais, dependencia, loita contra a violencia de xénero, entre outros.