O Xeodestino Ribeiro-O Carballiño participa en "Xantar", do 2 ao 5 de novembro en Expourense

1, Novembro 2023

A gastronomía transcende o sentido da unión e da reunión. Se temos algo marabilloso en Galicia que nos reúne, que nos enche de alegría e de orgullo é a gastronomía”; así principiou a súa intervención o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na presentación do 24º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, que se celebrará en Ourense entre o 2 e o 5 de novembro.

“A gastronomía –mantivo o delegado territorial- é o espazo transversal a todas as familias e todas as rexións; onde, a carón dunha mesa, sempre acadamos puntos de encontro satisfeitos do que poñemos enriba dela, porque, entre outras cousas, nós sabemos comer ben xa que posuímos produtos extraordinarios dos que sempre dá conta Xantar”.

Esta edición -continuou Gabriel Alén- chega con importantes novidades co obxectivo de atraer maior número de visitar e de animar ao público de proximidade a participar na feira. A primeira delas é que a entrada será, por primeira vez, gratuíta. Tamén será gratuíta, ata completar aforo, a participación en calquera das 140 actividades que ofrece o programa desta edición e que inclúen talleres de cociña en directo, catas comentadas de produtos como veu, queixo, mel ou conservas, ou a presentación, con degustación, dunha vintena de festas gastronómicas de Galicia.

O representante do Goberno galego destacou que un centenar de expositores e con 5 países representados (España, Portugal, Colombia, Perú e Costa Rica), Xantar contará con 4 restaurantes, 1 Zona de tapas, 2 aulas gastronómicas, 1 aula de catas comentadas, 1 espazo de degustación e promoción das festas gastronómicas de Galicia e o Túnel do Viño, de acceso profesional.

Gabriel Alén valorou positivamente a participación de tres deputacións provinciais de Galicia (Ourense, Lugo e A Coruña), de varios xeodestinos e GDR (Ribeiro-Carballiño, Valdeorras, Terra de Celanova – Serra do Xurés) e de numerosos concellos galegos das 4 provincias que participan de forma independente para promocionar o seu turismo gastronómico desde a perspectiva da calidade e da sustentabilidade.

Para o delegado territorial, Xantar convértese un ano máis nun exemplo de cooperación público-privada. Entre os seus principais apoios conta coa administración autonómica (a través do apoio de Turismo de Galicia e das Consellerías de Medio Rural e de Mar), entre outras colaboracións como a de Promoción do Emprego a través da participación de Economía Social de Galicia. Tamén conta co apoio da administración provincial a través da colaboración da Deputación Provincial de Ourense a través do INORDE.

E lembrou tamén as actividades organizadas pola Consellería do Medio Rural e a de Mar, que teñen o obxectivo de poñer en valor vos produtos de calidade de Galicia amparados con Denominación de Orixe, Indicación Xeográfica Protexida, ou con selos de garantía como “Peixarías”, de produtos ecolóxicos adscritos ao CRAEGA, ou das conservas de peixe e marisco de ANFACO-CECOPESCA.

“Os hábitos alimenticios -subliñou Gabriel Alén- constitúen un espazo onde a tradición e a innovación teñen a mesma importancia, onde o presente e o pasado entrelázanse para satisfacer a necesidade do momento, producir alegría ao instante e convir as circunstancias; por iso, podemos presumir da nosa educación, da nosa cultura e da nosa riqueza gastronómica, e que mellor escaparate que Xantar para amosarlle a quen nos visitan o deleite dos nosos produtos de primeira calidade e o resultado culinario da nosa cociña tradicional e ao tempo vangardista”.