O xeodestino turístico do Ribeiro-O Carballiño promocionará paquetes termais biosaudables, bus do viño e un catálogo de recursos turísticos, entre outras iniciativas

10, Agosto 2017

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou un convenio de colaboración co presidente de Mancomunidade Turística Terras do Avia, Francisco José Fernández, para impulsar e dinamizar o xeodestino O Ribeiro-O Carballiño.

Aínda que tan so catro concellos -os de Ribadavia, Leiro, O Carballiño e Boborás- forman parte da Mancomunidade Turística, o acordo beneficiará a 21 concellos, contén accións en numerosas liñas, desde a creación de produto ata a promoción e a xestión dos recursos turísticos.

Nava Castro, que estivo acompañada da secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, subliñou as singularidades do xeodestino do Ribeiro-O Carballiño, que lle confiren un gran valor engadido á súa oferta, co enoturismo e o termalismo como elementos principais. Neste sentido, a directora de Turismo explicou que o convenio, con vixencia para dous anos, inclúe a creación do Bus do Viño do Ribeiro.

A iniciativa será deseñada e planificada coas adegas, os pazos, outros recursos turísticos e prestadores de servizos turísticos, tras o cal porase en marcha para incrementar as propostas do xeodestino con distintos percorridos e visitas. De xeito paralelo, impulsaranse paquetes termais biosaudables, nos que se incluirán hoteis, balnearios e spas, con estancias e escapadas termais que tamén incorporarán o enoturismo como experiencia. Ademais, e co fin de que os viaxeiros dispoñan de información precisa sobre os espazos que poden visitar no Ribeiro, editarase un mapa de roteiros culturais,

“A promoción, dinamización e fomento do turismo no Ribeiro é o obxectivo deste convenio de colaboración, que busca a súa consolidación como destino turístico galego de interior”, declarou Nava Castro tras a sinatura. A directora de Turismo salientou que a consecución destas metas “suporá a xeración de emprego e a redistribución da riqueza, que constitúen beneficios inherentes que o turismo ben planificado ten para toda a sociedade”. En liña coa Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta coa que o Goberno galego e o sector planifican o crecemento neste eido, o convenio co Ribeiro aposta pola calidade e a sustentabilidade como referencias.

De feito, o acordo prevé a redacción do Plan de acción turística do xeodestino como ferramenta para a xestión conxunta dos concellos implicados. Ademais, editarase un catálogo de servizos turísticos para repartir nos aloxamentos, oficinas e puntos de interese da zona, crearase unha páxina web e deseñarase a imaxe corporativa que o xeodestino empregará nos seus canais de comunicación.

En conxunto, investiranse nos dous próximos anos 96.000 euros, dos que Turismo de Galicia achegará 80.000. Os concellos que integran o xeodestino do Ribeiro-O Carballiño son A Arnoia, Amoeiro, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Maside, Melón, O Carballiño –que esta fin de semana celebra a súa Festa do Polbo, declarada de Interese Turístico Nacional e á que a directora de Turismo animou a asistir–, O Irixo, Piñor, Pontedeva, Punxín, Ribadavia, San Amaro e San Cristovo de Cea. Imaxes relacionadas