Observatorio Económico: a comarca do Carballiño, a 2ª da provincia en forza de traballo, logra un crecemento interanual do 1%

26, Febreiro 2016

O mercado laboral da comarca de Carballiño creceu preto do 1% –en concreto, ó 0,91%– no ano 2015, o que lle permite afianzar e consolidar por terceiro trimestre consecutivo o nivel dos 8.000 traballadores afiliados á Seguridade Social. Trátase da segunda forza de traballo máis dimensionada da provincia, só por detrás da existente na comarca de Ourense, e con vantaxe sobre á de Valdeorras: 8.002 afiliacións en Carballiño e 7.923 en Valdeorras.

Estes datos foron divulgados polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, na primeira presentación comarcal do Observatorio Económico da Deputación de Ourense, realizada no salón de plenos do Concello do Carballiño, coa asistencia de alcaldes, técnicos de emprego, empresarios e axentes sociais da zona.
 
Segundo as estatísticas do estudo, con ese ritmo de rexeneración de afiliacións próximo ao 1% en taxa interanual, foi a quinta comarca ourensá con mellor comportamento neste indicador da recuperación económica. Non dista moito da creación neta de empregoque acreditan as outras dúas comarcas con maior des-envolvemento empresarial da provincia: a de Ourense, cun auxe de afiliacións do 1,2% no último ano; e a de Valdeorras, cun incremento do 1,3%.
A nivel municipal, catro concellos lograron crear emprego, un conservou a mesma cifra de postos de traballo (Piñor) e catro perderon afiliados en 2015. Entre os primeiros, Irixo e Boborás impulsaron un 3% de emprego neto; e O Carballiño e Maside, un 2%. No lado oposto, as peores evolucións déronse en Beariz, que nun ano acurtou o seu mercado de traballo en algo máis do 9%; e en Punxín, onde a baixada foi do 5%.

Ao analizar o convulso período dos últimos oito anos, obsérvase que a comarca perdeu o 15% das afiliacións en taxa acumulada, proporción que supera en dous puntos ás medias provincial e galega, situadas ambas na contorna do 13%. Con todo, presenta un comportamento mellor que sete comarcas ourensás, xa que só recuperou menos afiliados que Ourense, Verín, Allariz-Maceda e Viana. 
 
Por outra parte, o paro rexistrado baixou en 2015 un 6,6% no conxunto da comarca de Carballiño, cifra moi en liña coa redución media da provincia (-7%). Presenta o sexto maior descenso comarcal e, de manter o ritmo actual, en dous anos lograría situar o censo de parados por debaixo dos 2.000 demandantes de emprego, situación que xa produciuse excepcional e illadamente nos meses de agosto e setembro de 2015, pero que non se tiña visto desde outubro de 2009.
 
A análise do paro por municipios reflicte contrastes moi acentuados. Si ben se acurtou en 2015 nun 10% na cabeceira comarcal, O Carballiño, e nun 9,6% en San Cristovo de Cea, nese mesmo ano a taxa interanual subiu un 37,5% en Beariz. Pero cabe precisar que este inusual repunte en Beariz responde en realidade a un incremento moderado en términos absolutos, ao pasar dun total de 32 parados en xaneiro de 2015 a 44 no mesmo mes de 2016, o que equivale a un inscrito máis ao mes.
 
Na comparativa coa situación previa á crise, ve-mos un primeiro concello, o de San Cristovo de Cea, que rexistra hoxe menos parados que en xaneiro de 2008, cun descenso do 2,4%. E O Irixo achégase ta-mén a ese fito, xa que o aumento acumulado limítase ao 4,9%. Pola súa banda, o paro acumulado no municipio de Carballiño aínda sinala un incremento do 40%, moi superior á media provincial do 28,7%.

O sétimo Observatorio Económico Ourensán adicou un fondo tratamento ao colectivo dos pensionistas, desde o enfoque demográfico e tamén desde o punto de vista dos tipos de cotizacións, do poder adquisitivo e do grao de cobertura. Unha das conclusións do informe é que o desenvolvemento empresarial da comarca non se percibe aínda no importe medio das pensións, que está fixado en 674 euros, o terceiro máis feble da pro-vincia, si ben no último ano subiu un 1% (e un 5,7% en taxa acumulada desde 2011).
 
Mentres, a cobertura das pensións entre o colectivo dos maiores de 65 anos (porcentaxe da poboación que cumpriu os 65 anos e que percibe pensión) sitúase nesta comarca no 81,3%, cando a media da provincia está no 79,6% e a de Galicia no 78,5%. O grao de cobertura que alcanza Carballiño é o sexto máis alto de Ourense, só superado por Terra de Caldelas (88,1%), Terra de Trives (85,2%), Allariz-Maceda (83,4%), A Limia (83%) e Viana (81,6%). As proporcións máis cativas son as das comarcas de Verín (75,7%), Ourense (77,9%) e A Baixa Limia (78,5%).