Os balnearios do Carballiño e As Caldas de Partovia comezan a partir do próximo dia 11 a recibir os usuarios do programa de termalismo da Deputación

8, Outubro 2021

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu no antigo balneario de Cortegada a sinatura do convenio de colaboración cos representantes dos sete establecementos balnearios que participan no programa de termalismo saudable e cultura termal, e que o próximo luns, día 11, comezarán a recibir aos primeiros usuarios inscritos nunha iniciativa que en só dous días, trala publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, recibiu solicitudes procedentes de ata seis comunidades autónomas. Xunto a Manuel Baltar, no documento estamparon a súa sinatura os representantes dos balnearios que participan no programa: Javier Soto por parte de Arnoia, Laias e Lobios; Cristina Álvarez por Cortegada; Manuel Fernández por Baños de Molgas; Carlos Garriga de Caldas de Partovia; e José María de la Figuera polo Carballiño. Un acto ao que tamén asistiron o alcalde Cortegada, Avelino de Francisco, e de Arnoia, Rodrigo Aparicio, ademais do responsable do área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira.

"Hoxe damos continuidade a un programa perfectamente deseñado para dar visibilidade ao gran factor diferenciador e competitivo de Ourense como é o termalismo de saúde e a cultura termal", dixo o presidente provincial poñendo como exemplo o interese espertado entre usuarios doutras comunidades autónomas. No territorio co maior potencial de Europa, engadiu, "convertémonos nun novo exemplo de colaboración público-privada para transformar a Ourense no lugar máis indicado para coidar do ben máis prezado que nos deixou esta pandemia: a saúde". Manuel Baltar puxo de relevo o futuro escenario que se abre na provincia con novos elementos tractores, entre os que citou "a chegada do AVE a Ourense con todos os beneficios e oportunidades que xerará contar cun aeroporto terrestre, e a incorporación á oferta termal que esperamos para este mesmo ano coa apertura do balneario de Berán". Pero ademais destacou outro aspecto importante no posicionamento internacional de Ourense, "traballando neste ámbito desde a presidencia da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) na que están representados 51 sitios termais de 18 nacións europeas, na que supón a organización pública máis importante do termalismo mundial". En nome dos asinantes, o conselleiro delegado do grupo Caldaria, Javier Soto, cualificou este programa como "unha das accións máis importantes para o sector das realizadas nos últimos quince anos, colocando de novo ao termalismo ourensán no mercado nacional e potenciando ao mesmo tempo ese carácter especial como destino do turismo de saúde". Mentres programas impulsados por outras administracións permanecen paralizados, destacou, "a Deputación de Ourense aposta por unha iniciativa exclusiva e especial pola que agardan clientes de toda España".

O programa, no que participan os sete balnearios citados, oferta aos beneficiarios das subvencións os seguintes servizos, En termalismo Saudable:

• Estancias balnearias de 6 días (5 noites) en habitación dobre, de luns a sábado (incluíndo pensión completa con bebida, dez técnicas balnearias, asesoramento médico dos beneficiarios que así o soliciten e programa de animación social). Os balnearios poderán establecer quendas de estancia con servizos de traslado ida e volta ( luns e sábado) desde os puntos de partida ata os balnearios.

• Estancias balnearias + tren de 6 días (5 noites) en habitación dobre, de luns a sábado (incluíndo pensión completa con bebida, billetes de tren (ida e volta), servizos de traslado (ida e volta) desde a estación de tren de Ourense ata os balnearios, dez técnicas balnearias, asesoramento médico dos beneficiarios que así o soliciten e programa de animación social) e rutas culturais.

• Tratamentos balnearios terapéuticos, (sen estancia no establecemento) incluíndo o dereito ó uso de 10, 20 ou 35 técnicas balnearias repartidas ó longo dun máximo de 10 ou 15 días computado desde o primeiro día en que se reciben técnicas balnearias), e consulta médica á chegada do/a beneficiario/a ao balneario.

En cultura termal: • Estancias de fin de semana de 2 días de duración (1 noite), de sábado a domingo, incluíndose pensión completa para os adultos, 2 técnicas balnearias para os adultos, estancias e programa de ocio para nenos e nenas acompañantes menores de 12 anos, cun máximo dun menor por solicitante.