Os socialistas aseguran que "o alcalde incumpríu o convenio coa Xunta para a mellora do campo de fútbol de Leiro" e reclaman explicacións urxentes.

25, Outubro 2022

O PSdeG-PSOE de Leiro acusa ao alcalde do Partido Popular, Francisco José Fernández, de incumprir “de xeito flagrante” o convenio de cooperación asinado entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia para a reforma do campo de fútbol municipal ‘San Bartolomé e reclama “explicacións urxentes” a respecto do paradoiro dos cartos públicos que tiñan que ser destinados á reforma dos vestiarios.

Os socialistas esixen que o Concello de Leiro xustifique e acredite a execución dos 7.410 euros contemplados no proxecto básico para a reforma dos vestiarios, ou que alternativamente achegue a modificación da partida orzamentaria acordada co ente autonómico no prazo establecido oficialmente no acordo.

“Segundo o recollido na cláusula duodécima do convenio, a reforma afectaba tamén á mellora dos vestiarios, ademais de incluír a renovación da iluminación e a substitución das gradas do campo de fútbol, mais eses termos non foron respectados por parte do alcalde, por iso queremos que nos dean as explicacións pertinentes canto antes”, sinalou o voceiro socialista no Concello, Manuel Rodríguez.

“Se esa mellora dos vestiarios non foi executada porque así o acordaron a Xunta e o Concello, entón queremos que nos subministren a copia documental que acredite a dita modificación da partida en tempo e forma, posto que o propio convenio recolle que tal alteración nas características do proxecto deberá ser solicitada cun mes de antelación mínima antes da data de finalización do prazo de xustificación das obras”, abundou Rodríguez.

O socialista lembra que se trata da segunda irregularidade detectada polos socialistas con relación á reforma do campo de fútbol, logo de o pasado ano se iniciasen as obras nas gradas sen a preceptiva autorización da CHMS.