Os socialistas aseguran que o concello de Leiro perdeu unha subvención de 80.000 euros para a reforma da rúa Casanova "por non cumprir os prazos"

14, Xaneiro 2020

O PSdeG-PSOE de Leiro critica a “neglixencia” e a “deixadez” do alcalde do PP de Leiro, Francisco José Fernández, que non cumpriu cos prazos do convenio asinado entre Deputación de Ourense e Concello de Leiro para o arranxo e execución da obra de mellora da rúa Casanova. Ante os incumprimentos, o consistorio perdeu unha subvención de 80.000 € que aportaba o ente provincial para a realización dos traballos e deberá esperar o futuro para acometelos.

Os socialistas denuncian que esta situación “non é nova” e que “amosa unha vez máis a falta de xestión e a deixadez do alcalde do PP”, o que acusan de “neglixente o non cumprir os convenios asinados e deixar tirada a veciñanza de Leiro”. Para o PSdeG na vila está claro que o único culpable “é o alcalde, non os técnicos do Concello, nin ningunha outra persoa”.

O convenio para o arranxo da rúa Casanova foi asinado o 22 de agosto de 2019 por Concello e Deputación, e no mesmo figuraba unha subvención provincial de 80.000 euros coa que o ente provincial se comprometía a financiar integramente a obra, tendo o Concello nada máis que aboar os honorarios da redacción do proxecto.

“A obra tiña que comezar a execución a finais de 2019, pero atopámonos que tras realizar unha pregunta formal a través do grupo provincial do PSdeG-PSOE na Deputación, a subvención para a realización do convenio, perdeuse, xa que o alcalde non cumpriu co asinado”, explica Manuel Rodríguez, voceiro socialista en Leiro.

O arranxo da rúa ben motivada por unha moción do Grupo Municipal Socialista na que solicitaban que se arranxara de xeito urxente as deficiencias da rúa Casanova o tratarse dunha rúa moi transitada pois está situada nas inmediacións ou na mesma o cuartel da Garda Civil, Colexio e Tanatorio e “é unha demanda histórica da veciñanza do Concello”, subliña o voceiro socialista. Para Manuel Rodríguez o incumprimento do convenio e a perda da subvención non é máis que “unha nova neglixencia do alcalde, que está máis pendente do seu posto de senador e do que acontece en Madrid, que da veciñanza de Leiro, a que ten totalmente abandonada e deixada a súa sorte”.

O propio voceiro socialista apunta tamén que “o alcalde acumula postos públicos como o de alcalde de Leiro, presidente da Mancomunidade do Ribeiro, do GES ou Senador entre outros, pero é evidente que non pode facer fronte polas graves carencias e a neglixencia manifesta nunha situación como a perda dunha subvención para o arranxo dunha rúa central de Leiro”.