Os socialistas critican o orzamento aprobado pola Mancomunidade do Ribeiro e califican á entidade intermunicipal como "chiringuito clientelar do PP"

21, Febreiro 2022

O PSdeG-PSOE na mancomunidade do Ribeiro critica os orzamentos presentados polo presidente e alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, alegando que se trata duns números que demostran que a mancomunidade converteuse nun “chiringuito clientelar” do PP na comarca do Ribeiro. Os socialistas denuncian que este organismo está “secuestrado” por intereses persoais e por políticos ao servizo da situación económica e financeira da mancomunidade, en detrimento dos dereitos e intereses da veciñanza dos concellos de A Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro.

Os socialistas dos concellos do Ribeiro presentes neste organismo comarcal explican que as contas foron aprobadas polos alcaldes do PP, pero denuncian que se intenten vender como unhas contas “honestas”, cando están totalmente “afastadas da realidade”. Dende o PSdeG-PSOE amósanse especialmente críticos coas políticas relativas aos servizos sociais e o fomento do emprego, onde afirman que “reina a opacidade e que todo ven financiado polo goberno amigo da Xunta de Galicia, que prefire mirar para outro lado, namentres financia o 60% dos proxectos”.

Dende o seo socialista neste ente comarcal tamén poñen o foco na “inexistente” xestión directa dos cinco concellos que conforman a mancomunidade “ao ter ou ben delegada, ou ben privatizada case toda a súa xestión municipal, razón pola cal o financiamento de proxectos urbanísticos corre a conta da Xunta e a Deputación de Ourense”. Os socialistas amósanse especialmente críticos conque os investimentos e proxectos executados “son asignados a empresas foráneas que xeran emprego fora das nosas fronteiras, a pesar de que a mancomunidade investiu nestes 5 anos máis de 1.300.000 euros en obradoiros vinculados á construción”.

A xestión dos recursos públicos que recibe a mancomunidade tamén é un punto de debate, xa que tal e como apuntan os socialistas “este organismo debería servir para dinamizar a vida social e as políticas de emprego nos nosos municipios, pero atopámonos conque sucede xusto ao contrario”. Poñen o foco en que a mancomunidade xestiona preto de 9 millóns de euros “cartos destinados ao financiamento de polígonos industriais, agrarios, aldeas modelos, balnearios, fundacións públicas ou instalacións deportivas, pero estes investimentos non se traducen en atraer poboación, senón todo o contrario, xa que a realidade é que en 5 anos perdemos case 400 veciños e veciñas”.

Para os socialistas a situación “é unha mostra do fracaso estrepitoso do financiamento de proxectos motores dinamizadores da actividade nos concellos da mancomunidade”, alertan que os alcaldes “póñense de perfil ante a situacións esperando que os gobernos amigos da Xunta e a Deputación inunden os seus concellos con recursos públicos que tapen a súa ineficacia e deste xeito sacar rédito político e electoral”.