Os socialistas do Irixo e Lalín demandan "exposición pública e asesoramento á veciñanza sobre os parques eólicos Valdepereira e Pico Seco"

14, Xaneiro 2022

Os grupos municipais do PSdG-PSOE de Lalín e O Irixo veñen de rexistrar unha moción para o seu debate e posible aprobación no vindeiro Pleno, na que solicitan que ambos Concellos soliciten da Xunta de Galicia retrotraer o expediente Parques Eólicos dos Complexos Valdepereira e Pico Seco ao trámite de exposición pública, tendo en conta que non se realizou.

Do mesmo xeito, o documento reclama que os Concellos de Lalín e O Irixo procedan a informar de forma activa, efectiva e real á veciñanza afectada que así o desexe nas dependencias municipais.

Por último, reclámase a ambas administracións que procedan a asesorar a veciñanza afectada facilitando información e asesorando na presentación de alegacións e en todos aqueles aspectos necesarios na defensa dos seus intereses.
A concelleira lalinense, Alba Forno, e o voceiro municipal no Irixo, Iago Fariñas, xa rexistraron ambas propostas plenarias. Nun encontro de traballo recordaron que “nin O Irixo nin Lalín dixeron nada sobre estes proxectos eólicos, non informaron, nin asesoraron nada á veciñanza afectada en ningún momento”.

“O mais grave” aseguran “é que nin tan sequera tiveron en exposición publica o referido proxecto para o seu coñecemento, incumprindo a obriga legal de facelo”.

Alba Forno e Iago Fariñas insisten en que os Concellos de Lalín e o Irixo non cumpriron coa súa obriga como administración pública impedíndolles ás persoas afectadas a posibilidade de formular alegacións. “Estamos ante un feito gravísimo que parece unha falta de dilixencia, unha deixadez manifesta ou que Crespo e Cerdeira non se enteran de nada”. “Máis grave sería que a información, como xa sucedeu noutras ocasións, fose ocultada intencionadamente”.

“Son moitas as persoas afectadas que se puxeron en contacto con nos preocupadas e sin que nos Concellos de Lalín e O Irixo fagan nada por informarlles”. “Tamén consideramos que sobre a omisión da exposición pública da documentación tanto Manuel Cerdeira coma Crespo deberían dar explicacións claras”, sinalan.

Para os socialistas “tamén é sorprendente que os alcaldes do PP traten de poñer toda a maquinaria política a funcionar cando se trata de parques eólicos de tramitación estatal e que calen cando os proxectos os está a tramitar a Xunta de Galicia, como é o caso”.