Os socialistas manifestan que "cumprirán a promesa electoral e impugnarán o acordo de compra da casa da Ferraxería Soto"

27, Maio 2015

O Grupo Municipal do PSdeG "cumprirá o compromiso avanzado durante a campaña electoral, e presentará nesta semana o escrito de impugnación do derradeiro Pleno da Corporación Municipal, no que o PP aprobou o acordo de compra do edificio da antiga ferraxería Soto".

Paco Fumega e o PSdeG reafírmanse así na decisión xa avanzada  durante a campaña, de impugnar o acordo plenario aprobado polo PP "debido ás deficiencias constatadas en dita operación, ao carecer de informes municipais e taxación previa, da que xa advertiu a propia secretaria do Concello", manifestan.

O PSdeG mantén que antes de facer ningún tipo de operación respecto ao edificio Soto "é imprescindible contar cunha taxación, a fin de axustar o prezo ao mercado actual, e en ningún caso está disposto a pagar o que pretendía o PP (1.725.000 euros) ao considerar que ese non é o valor real do inmoble a día de hoxe".

Os socialistas salientan "que non consentirán que a artimaña de Marnotes para deixar hipotecado ao Carballiño nos vindeiros anos siga adiante, e que tras impugnar o acordo plenario o seguinte paso será saber en qué punto están as negociacións realizadas polo PP cos propietarios e tamén coñecer a opinión dos demais grupos da que será a nova Corporación Municipal".

Paco Fumega e o Grupo Municipal do PSdeG afirman rotundamente que "a operación de compra, tal e como pretendía levala a cabo Marnotes, sen consenso, sen informes, sen taxación e a un prezo desorbitado, non se levará a cabo".

O PSdeG, que foi a lista máis votada nas eleccións do pasado domingo e a que terá o maior número de concelleiros na vindeira Corporación, "mantén que cumprirá todos e cada un dos seus compromisos electorais, avanzados durante a campaña nun programa de 115 propostas, e por suposto manterá tamén o seu compromiso respecto á antiga ferraxería Soto".