Os socialistas mostran "apoio total" ao Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro e reivindican o seu paso polas parroquias de Berán e Lebosende

18, Xullo 2020

O PSdeG-PSOE de Leiro ven de amosar o seu “total apoio” ao Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro e a Asociación que pretende recuperar, divulgar e acadar a oficialidade desta variante do camiño dende Braga ata Santiago de Compostela. Os socialistas buscan con esta medida “pór en valor” un camiño de peregrinaxe con patrimonio cultural, natural e económico dentro do termo municipal de Leiro, polo que transcorre o camiño, concretamente polas parroquias de Berán e Lebosende, que os socialistas piden que se inclúan dentro da ruta, alegando que “hai documentación histórica de suficiente para avalar que este camiño xacobeo, histórico, cultural e real, pasa por ámbalas dúas parroquias".

Os socialistas súmanse deste xeito a reivindicar unha nova medida en defensa do patrimonio cultural no municipio, como veñen facendo nos últimos tempos, propoñendo a mellora e limpeza de pontes históricas na vila como a Ponte das Poldras ou a Ponte de San Clodio, ou a recuperación de fontes e pilóns en estado de abandono. “Non podiamos pasar de lado na cuestión do Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro, cando é parte do noso territorio e debemos darlle o valor que realmente ten, para recuperar esta ruta oficial a Compostela”, sinala o voceiro socialista Manuel Rodríguez.

Dende o Grupo Municipal Socialista destacan tamén que o pasado 28 de marzo de 2019, o Arcebispado de Santiago de Compostela, mediante redacción do puño e letra do delegado de peregrinacións do cabido da Catedral certificaba que “de acordo a documentación histórica e actual, o Camiño Miñoto Ribeiro cumpre as condicións de outros camiños de peregrinación, polo que se procede a concederlle a Compostela”. Situación que os socialistas “festexan” pois “é o paso previo a oficialidade dun ben de interese patrimonial para Leiro e as súas xentes”. Non entenden os socialistas, que a asociación de alcaldes non contemple o trazado polas parroquias de Berán e Lebosende, cando circula polas mesmas.

O voceiro socialista destaca que como representante político do PSdeG-PSOE en Leiro “loitarei porque se apoie este ou calquera outra iniciativa de camiños históricos dentro do noso termo municipal, como complemento para poñer e garantir a supervivencia da nosa identidade e posta en valor do patrimonio cultural, natural e económico do noso concello”. Manuel Rodríguez tamén fai un chamamento o BNG da localidade para que “se sumen a este apoio total de incluír as parroquias de Berán e Lebosende dentro do noso termo municipal ao Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro”, así como a presentar mocións conxuntas se fose necesario.