Os socialistas piden ao goberno municipal que amplie o prazo de exposición e alegacións do PXOM

23, Abril 2016

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Piñor, vén de rexistrar unha solicitude para instar ó goberno municipal para que amplie o prazo de información pública e de presentación de alegacións ó PXOM de Piñor.

Tal como relata o seu Voceiro, Francisco José Fraga Civeira, "recibiron numerosas queixas, por parte dos veciños e veciñas, debido a que o prazo de dous meses determinado polo goberno municipal, resultara totalmente insuficiente para comprenderen todo o contido e toda a documentación do Plan Xeral de Ordenación Municipal"

Tendo en conta as queixas recibidas, "que o prazo remate o vindeiro 8 de Maio, tal como anuncian dende o propio Concello de Piñor, é, a todas luces, insuficiente para entender un plan que lles afecta no tocante ás súas propiedades e vivendas, sen darlles tempo a que realicen as alegacións convintes, caso de querer facelo", manifestan os socialistas.

 Así mesmo,  indican que "as reunións que veu realizando o propio Concello polas parroquias de Piñor, chegaron a determinados lugares cando xa transcorrera un mes dende a exposición pública, quedando, tan só, un mes máis para que a xente puidese estudar ben a documentación e presentar alegacións. Vendo que o prazo fixado é, claramente, insuficiente para tratar cunha información tan importante e complexa, que afecta sobremaneira á vida dos veciños/as, o PSOE de Piñor, determinou solicitar ao Alcalde do PP que ampliase o prazo".

Os socialistas, procederon a solicitar esta ampliación por escrito, toda vez que xa o solicitaran no Pleno Ordinario do Concello.

Ademais, dase a circunstancia, sinala Fraga Civeira, que Piñor ten unha porcentaxe elevada de poboación emigrada que acostuma a retornar ó Concello durante os meses de verán, polo que sería bo que se aumentase o prazo para que esas persoas con propiedades poidan comprobar como quedarían segundo o novo plan de ordenación.

Recorda o Voceiro socialista que "o PXOM vai afectar á clasificación de usos de moitas propiedade polo que é convinte que toda a xente que teña propiedades e vivendas ou edificacións no termo municipal, poida acceder e entender a numerosa documentación que contén o PXOM e que lle vai afectar dun xeito moi importante no futuro".

Remata, engadindo, "que se de verdade, o goberno de Piñor, procura a transparencia e a participación pública de toda a veciñanza nos asuntos do Concello; debe procurar escoitar as reclamacións que se lle están a facer para que amplien o prazo de exposición e presentación de alegacións".