"Piñor concilia" abre o periodo de inscrición para o curso 2021-22

16, Setembro 2021

O Concello de Piñor informa da apertura do prazo de inscrición para o Programa PIÑOR CONCILIA “Familias Tardías” para o curso escolar 2021-2022, que será gratuito para tódalas familias. Trátase dunha medida de conciliación da vida familiar e laboral, validada pola Xunta de Galicia, e que pretende acadar as seguintes finalidades:
-Fomentar a incorporación á vida laboral das familias con membros en situación de desemprego.
-Potenciar a redución das dificultades de conciliación que comporta tamén unha vida familiar máis satisfactoria para todos os membros da unidade familiar.
-Ampliar o horario no que os nenos/as están baixo supervisión e apoio de educadores/as, dando tranquilidade e garantías as familias.
-Reducir o desaxuste existente entre o horario escolar cos horarios laborais.

Este servizo finánciase integramente pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade.

O servizo de Familias Tardías atende ós cativos dende a saída do colexio ata as 19:30h, de luns a venres no Centro Social (Albarona). Para elo, os participantes poderán cambiar a parada escolar para Albarona, onde o/a monitor/a os esperará para acompañalos ó Centro Social. Finalmente, deberán ser recollidos ás 19:30h polas familias no propio Centro Social. Como outros anos, ofrecerase apoio escolar diariamente ós cativos que cursen Primaria ou ESO, e o programa desenvolverase dende o luns 4 de outubro de 2021 ó 21 de xuño de 2022.
Seguirase o calendario escolar do colexio de referencia (CPI Virxe da Saleta), de maneira que os días non lectivos de carácter esporádico (ponte, etc) Familias Tardías pasará a ofrecerse en horario de mañá, de 10h a 14h. Por outra banda, nos períodos vacacionais (Nadal, Semana Santa e Entroido), o concello ofrecerá outras actividades de conciliación de carácter máis lúdico.

Destacar que, por mor do COVID19, haberá:
-Medidas preventivas hixiénicas e sanitarias, que serán dadas a coñecer ás familias usuarias.
-O alumnado participante deberá levar máscara en bo estado. Non obstante, na aula haberá máscaras para poder empregar de forma puntual, en casos de rotura ou extravío.
-Prazas limitadas: velando así polo mantemento da distancia de seguridade e medidas sanitarias por mor do COVID19. A orde de inscrición será por orde de entrada no rexistro municipal.

Por motivos organizativos, o prazo de inscrición será ata o 30 de setembro. Toda persoa interesada debe acudir a Servizos Sociais, onde obterá máis información.