A planta de CEPSA en Maside esixe un plan de emerxencia exterior

9, Abril 2013

O concello de Maside debe elaborar un plan de seguridade para permitir a actividade industrial que se pretende iniciar no antigo aparcadoiro da estación de ferrocarril de Maside.

O proxecto industrial promovido por CEPSA contempla o envasado de gas licuado nestas instalacións nas inmediacións da localidade da Touza, nunha zona habitada.

O plan de emerxencia exterior, para cumplir coa directiva europea, asi como a lexislación autonómica e estatal, deberá ter en conta as medidas de información e protección da poboación no caso dun accidente ou calquera suceso incontrolado nas instalacións. Deberá fixarse a zona de intervención e de alerta, e as distancias de afectación. Tamén terán que acometerse medidas de prevención, como a limpeza constante da zona colindante e unha franxa de seguridade, asi como o control dos accesos.

Outro dos aspectos que recolle o plan que deberá aprobarse antes do inicio da actividade industrial é a coordenación das autoridades e os servizos de salvamento.