Recibimento no concello ao campión, un acto que recoñece o gran vínculo entre o CD Arenteiro e o pobo do Carballiño

10, Maio 2021

O alcalde Francisco Fumega e a concelleira de deportes Silvia Baranda tributaron esta mañá un recoñecemento institucional ao club carballiñés, que ven de conseguer o título de campión de terceira división por vez primeira nos 63 anos de historia, un éxito que ademáis leva consigo o ascenso á Segunda RFEF.

O recibimento no salón de actos do consinstorio contou coa presenza da totalidade de fútbolistas e corpo técnico que lograron este éxito que ofreceron ao pobo do Carballiño. O alcalde Fumega, que lles transmitíu os parabéns, recordou o vínculo que o concello mantén co club, e o do club co Carballiño "que foi sempre un pobo de fútbol, xa desde mediados do século pasado, tendo sempre unha das mellores afecións de toda Galicia".

A concelleira carballiñesa de deportes Silvia Baranda, que se presentou como "unha verde de corazón" dixo sentirse orgullosa "de ser a concelleira de deportes nestes momentos nos que ademáis falta nos facía unha alegría no Carballiño".

Finalmente, o presidente do club, Argimiro Marnotes referíuse a "un proxecto moi bonito para O Carballiño, un Arenteiro que ten que ser un activo máis para que a xente de fora veña o noso pobo".