Ricardo Perea anuncia un acordo do Partido Popular co alcalde do Carballiño para incluir diversas actuacións e proxectos no expediente do remanente

15, Abril 2021

O portavoz do grupo popular no concello do Carballiño "mantivo varias reunións co Alcalde Francisco Fumega, co obxectivo de que se poidan aprobar unha serie de actuacións na modificación orzamentaria que incorporará o remanente de tesourería e que se consideran importantes de cara a poder ser executadas no prazo de tempo mais corto posible", poñen de manifesto desde o PP carballiñés.

Aseguran os populares que as actuacións solicitadas ao Alcalde "foron atendidas e consideradas importantes, e mostrouse receptivo en todo momento.Non podíamos mais que colaborar dende o Grupo Popular na aportación de iniciativas, pois o expediente que se prevé de modificación orzamentaria e de contía importante, e ten que resultar o máis favorable posible para os interese xerais da veciñanza".

Entre as actuacións incluidas neste acordo entre alcaldía e Partido Popular figuran as seguintes:

- Reposición do firme na Avda. Castelao.
- Proxecto de reforma e humanización da rúa da Carreira.
- Apertura da Rúa costa Rica.
- Desenvolvemento das áreas de reparto AR-14 e AR-15 para apertura do derradeiro tramo da rúa Faustino Santalices, ata a rúa da Carreira.
- Melloras de alumeados en instalacións deportivas e na Praza da Veracruz.
- Construción do cemiterio civil.
- Construción de un depósito de auga en Costoia
- Posta en marcha do concurso de ideas do parque municipal.
- Solución do tema da nave de protección civil
- Reforzo das axudas a autónomos e pequenas empresas.
- Reforzo de axudas ao Carballiño CCA
- Creación de Bonos turísticos para canxear en hoteis, restaurantes e Balnearios da vila, con fin de recuperar o turismo unha vez se estabilice a situación sanitaria.

O Partido Popular considera que "todas as propostas son factibles e que pola súa contía conxunta son perfectamente encaixables no remanente de que dispón o Concello, que vai superar os 4.000.000 de euros. Entendemos dende o Grupo Popular, que este ano, máis que facer alegacións ao orzamento municipal, era máis importante centrarse na incorporación de esta cantidade, e de aí o noso compromiso co alcalde para non presentar alegacións e si facer aportacións ao expediente no que se incorporará o remanente".