Rueda presenta en Leiro un proxecto para levar cobertura móbil a 210 núcleos illados do rural galego nos que viven máis de 5.000 persoas. Está dotado con 10,6 M€ .

28, Xaneiro 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe en Leiro que Galicia levou a cabo nos últimos anos un proxecto pioneiro en Europa para ampliar a rede de telefonía móbil e dotar de cobertura e internet a 210 núcleos illados do rural nos que residen máis de 5.000 persoas. “Imos garantir o acceso aos servizos básicos ata onde permita a técnica e as telecomunicacións son hoxe en día un servizo fundamental”, indicou.

Durante unha visita a nova torre de telefonía instalada no concello ourensano de Leiro -que permite dar cobertura a 104 veciños dos núcleos de Paredes e Sá-, salientou o investimento de 10,6 millóns de euros para construír 68 torres en 48 concellos e executar a acometida eléctrica necesaria para achegar o servizo aos cidadáns. Unhas actuacións que mellorarán a cobertura nun total de 55 municipios galegos.

A extensión da rede de telefonía móbil en Galicia foi posible grazas a colaboración entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Vodafone España. En concreto, os concellos foron os encargados de ceder terreos para construír as torres e identificar os núcleos con problemas de cobertura; a entidade pública Retegal encargouse de habilitar as torres necesarias e Vodafone de dotar a rede de servizo.

O rural, un espazo de oportunidades

Esta iniciativa enmárcase na aposta da Xunta por consolidar o rural galego coma un espazo de oportunidades no que vivir, investir e traballar e garantir a igualdade no acceso aos servizos básicos en todo o territorio. “Isto é construír Galicia. Galicia Calidade tamén é ter servizos básicos en calquera sitio e garantir a igualdade entre os cidadáns”, indicou tras asegurar que a mellora das telecomunicacións permitirá asentar poboación no rural e aproveitar novas oportunidades como pode ser “atraer a nómadas dixitais”.

Nesta liña, Rueda lembrou que o Executivo autonómico leva anos reclamando ao Goberno central que a telefonía móbil sexa considerada un servizo universal das telecomunicacións. Ante esta falta de recoñecemento polo Estado -que é quen ten as competencias nesta materia-, a Xunta optou por solicitar á Comisión Europea permiso para poder ampliar a rede de telefonía móbil na comunidade e solucionar os problemas que estaban a vivir moitos veciños de zonas máis illadas. A institución europea aprobou a solicitude para levar a cabo esta iniciativa e incorporouna como exemplo para o resto de Estados membros nas novas Directrices para axudas estatais de redes de banda larga que se aprobaron no 2023. Galicia foi a primeira comunidade en recibir unha liña de axudas europea para ampliar a súa rede de telefonía.