Termalismo, patrimonio natural e gastronomia, a oferta que O Carballiño presenta este ano en FITUR

20, Xaneiro 2020

O termalismo será o tema central de promoción do Xeodestino O Carballiño-O Ribeiro na Feira Internacional de Turismo “Fitur 2020”, que se celebra a próxima semana en Madrid. Este organismo, ao que pertence o concello do Carballiño, exporá o día 23 de xaneiro no recinto feiral de Madrid os principais recursos cos que conta para atraer ao turismo nacional.

No acto, que terá lugar ás 4 da tarde no stand da Xunta de Galicia, intervirán o presidente do xeodestino e alcalde de Leiro, Francisco Jose Fernández; o alcalde do Carballliño, Francisco Fumega; o alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil; o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

Por este motivo, o día 22 viaxarán a Madrid o alcalde e o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal.

Na súa intervención, Francisco Fumega porá en valor os dous balnearios cos que conta O Carballiño: Caldas de Partovia e Gran Balneario. Destacará, sobre todo, a cualidade terapéutica das súas augas, e a ampla gama de servizos que ofertan, así como as novas instalacións do Balneario das Caldas e o proxecto do arquitecto Manuel Gallego Jorreto para ampliar e modernizar o Gran Balneario. Tamén se referirá á fonte pública do Bañiño de Arcos.

Finalmente, o alcalde carballiñés falará do patrimonio natural e cultural así como da gastronomía, con especial referencia ao parque municipal, aos sendeiros, ao conxunto etnográfico do Arenteiro, á tradición pulpeira do Carballiño e á Festa do Pulpo.
Como complemento da intervención, poderán verse nunha pantalla xigante imaxes dos recursos turísticos e termais do Carballiño.