"Terra de Boborás Apicultura" de Johnny Trigás, Premio ao Desenvolvemento Rural 2023.

15, Novembro 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, destacou a innovación dos proxectos galardoados nos Premios ao desenvolvemento rural, por encontrar “novos e mellorados usos aos recursos dos que xa dispoñemos”. Fíxoo durante a súa intervención na clausura da décimo cuarta edición destes premios, promovidos pola Consellería a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Cada premio das oito categroias dos galardóns está dotado con 10.000 euros. 

Na categoria de recuperación e posta en valor da terra agraria, o galardón foi para Johnny Trigás co proxecto “Terra de Boborás Apicultura”.  O conselleiro destacou que a apicultura consagrouse nestes últimos anos como unha aposta de futuro en Galicia, permitindo facer unha xestión do territorio. Así, tamén lembrou os 1,4 millóns de euros que se destinarán para a configuración dun Plan Apícola Galego, que permitirá axudar aos apicultores e apicultoras da nosa comunidade a avanzar na profesionalización desta actividade. Unha planificación que se engade ás estratexias sectoriais de longo percorrido, como son as dos sectores lácteo, vitivinícola e cárnico.

No seguinte enlace podes acceder á páxina web deste proxecto impulsando polo emprendedor Johnny Tirigás: https://terrasdeboboras.es/

O conselleiro repasou os premiados nas diferentes categorías, empezando pola da mocidade. Neste ámbito felicitou a Verónica Ledo e Natalia González, da Sociedade Cooperativa Galega Educalecrín, creadoras e directoras do proxecto “A educación como base para valorar a nosa terra”, como base para valorar a nosa terra. Un proxecto no que participan dúas mozas, xunto cun equipo formado por educadoras sociais, psicólogas ou biólogas, entre outras, e que está orientado á formación ecosocial.

Neste contexto, o conselleiro lembrou o compromiso da Xunta coa mocidade rural. Un apoio que se plasma con axudas como as de incorporación de mozos á actividade agrogandeira, que na convocatoria do vindeiro ano contarán cun investimento total de 16 millóns de euros. Así mesmo, destacou outras liñas de achegas, como unha nova en materia de incorporación de novas persoas agricultoras, para a que se destinarán tres millóns de euros; ou as achegas en favor do relevo xeracional, cun presuposto de 500.000 euros, destinadas a persoas agricultoras que se xubilen, cedendo a súa explotación ao Banco de Explotacións co obxecto de asegurar ese relevo. No que respecta á categoría de paisaxe rural, o premio recaeu na adega A man de Prado, con Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que mantén o cultivo tradicional das cepas, dispostas en bancais sobre o Canón do Sil, preservando “o bo facer da zona”, asegurou José González. Neste sentido, o titular do Medio Rural puxo de relevo as axudas que se porán en marcha no vindeiro 2024 para investimentos non produtivos por valor de dous millóns de euros. Estas se centrarán na mellora da paisaxe rural tradicional e os seus elementos representativos, así como na conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario.

No eido do interese social, a Asociación Centro de Desenvolvemento Rural O Viso foi a galardoada polo seu proxecto integral de intervención comunitaria na comarca da Limia, cuxo fin é facer do rural non só un medio visitable, senón tamén habitable e habitado. Na categoría de Turismo o premio recaeu na iniciativa Tirolinas da Minas, de Xesteco Consultoría. Neste senso, José González destacou que “poñer en marcha actividades” coma esta “é fundamental para dinamizar a economía rural”. No ámbito do sector agrogandeiro, o conselleiro agradeceu o labor de ProPlantae Sanidade Vexetal polo proxecto premiado “Provide”, pois este laboratorio biotecnolóxico de sanidade vexetal e I+D+i non só contribúe ao desenvolvemento sostible e á protección do medio ambiente, senón que tamén fomenta a sustentabilidade e a calidade do rural.

E no que atinxe á categoría de mulleres, resultou premiada Nuria Sotelo pola iniciativa “A Casa Vella”, unha veterinaria que abandonou a súa profesión para dedicarse á creación escénica como bailarina, a súa verdadeira paixón. A súa obra mestura a danza coa natureza e o desexo dun rural vivo que poña en valor o papel das mulleres. Por último, na categoría de innovación tecnolóxica, o premio recaeu no proxecto “FRUTODS: Ecodeseño e innovación tecnolóxica no rural galego”, de Solucións Conceptuais e Innovación. Nesta liña, José González destacou que “o desenvolvemento require de innovación e tecnoloxía” e aproveitou a ocasión para sinalar a potencialidade das aldeas modelo, que recollen precisamente esta premisa.

Neste sentido, González indicou que xa se está a perfilar un modelo único de Plan de dinamización para os núcleos rurais destas aldeas, que permitirá a posta en marcha de actividade económica, a rehabilitación integral das aldeas e a planificación preventiva, ademais da garantía da conectividade, a autosuficiencia enerxética e as últimas tecnoloxías das explotacións que as integren. Todo no seo do proxecto europeo Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles, que lidera a Xunta de Galicia.