Un incendio nos soportais do edificio Ango provoca a movilización das forzas de protección e seguridade da vila

31, Agosto 2009

Fume que saía do inmoble logo de sofocar o lume

(Redacción. Belén González) Ó redor das 10.15 horas, os veciños das Galerías Ango, situadas na Avenida Julio Rodríguez Soto, alertaban ós membros de Protección Civil dun incendio orixinado no entrechán dun establecemento de telefonía móbil. O inmoble servía de almacén para este establecemento e, según os últimos datos, o lume orixinouse no cadro eléctrico do comercio. A rápida intervención de Protección Civil e dous coches bomba serviron para sofocar o fogo en apenas unha hora e só houbo que lamentar daños materiais como documentos, facturas e algúns materiais inflamables; tamén se desprazaron ata o lugar dos feitos a Policía Local e Garda Civil que acordoaron a zona para evitar posibles accidentes. Nun primeiro momento, as forzas de protección e seguridade mostráronse preocupadas polos veciños do edificio, sobre todo, porque no primeiro andar vive unha persoa recén operada e un minusválido. Ata o lugar dos feitos desprazouse o alcalde, Carlos Montes, que avaliou como zona sensible debido ó día de feira que se vive na vila, ó tránsito do lugar e ó perigo de explosión de cristais. Según o balance de Delfín Borrajo, responsable municipal de Grumir, "o incendio foi pequeno, pero ardeu case todo".