"Unha nai, unha flor", a campaña de animación comercial do Carballiño CCA para o dia da nai

30, Abril 2025

O Carballiño celebra o Día da Nai coa campaña “Unha nai, unha flor” e sortea premios entre quen compre no comercio local Con motivo do Día da Nai, o Centro Comercial Aberto de Carballiño lanza a campaña “Unha nai, unha flor”, unha iniciativa pensada para poñer en valor o papel das nais e, ao mesmo tempo, fomentar as compras no comercio de proximidade.

Durante toda a campaña, as persoas que realicen compras nos establecementos asociados recibirán unha papeleta de participación para o sorteo dun tratamento de beleza.

Ademais, tamén poderán optar a unha sesión de balneario, rexistrando o seu ticket de compra a través do QR habilitado ou directamente na web: www.comerciocarballino.com.

Como acción destacada, os días venres 2 e sábado 3 de maio, instalarase unha caseta do CCA na Praza Maior do Carballiño, onde se regalará unha flor a todas as persoas que se acheguen a depositar a súa papeleta de participación.

Horarios da caseta:

• Venres 2 de maio: de 11:00 a 13:30 h e de 18:00 a 20:00 h

• Sábado 3 de maio: de 11:00 a 13:30 h

Ademais, quen o prefira tamén poderán deixar a súa papeleta directamente no establecemento onde realizaron a compra. O presidente do Centro Comercial Aberto, Julián Garriga, anima á cidadanía para participar nesta campaña: “O Día da Nai é unha ocasión moi especial, e desde o CCA queremos convidar a todos os veciños e veciñas a facer as súas compras no comercio local. Porque regalar con corazón tamén é apoiar ás tendas que dan vida ás nosas rúas.”

Pola súa banda, a xerente do CCA, Noelia Mares, destaca o valor deste tipo de iniciativas: “Campañas como esta son fundamentais para incentivar o consumo local, xerar movemento nos establecementos e premiar a fidelidade dos nosos clientes. Queremos que a experiencia de compra sexa tamén unha forma de celebración.”

Esta campaña está pensada para dinamizar o comercio de Carballiño nunha data clave, xerando proximidade, emoción e beneficios tanto para os comercios como para os seus clientes. Esta campaña conta co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, no marco do Plan Estratéxico de impulso ao Comercio de proximidade, que ten como obxectivo dinamizar e incentivar a actividade comercial nos núcleos urbanos galegos.