A Xunta aproba o PXOM do municipio de Leiro

25, Xuño 2012

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, avanzou esta mañá ao alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, que a Secretaría Xeral de Ordenación de Territorio e Urbanismo vén de emitir a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Leiro.

Esta decisión foi comunicada ao rexedor municipal no transcurso dunha reunión de traballo celebrada esta mañá na Casa consistorial, xornada na que tamén se visitou a estación de tratamento de auga potable de Leiro.

O conselleiro destacou que os técnicos da Secretaría analizaron a integridade e suficiencia dos documentos do plan, a conformidade do mesmo coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural, así como a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sostible.

O concello ten unha superficie de 3.830 km2, da cal un 95% é de solo rústico de protección, e un 3,21% é solo de núcleo rural. En relación cos solos urbanizables, o plan xeral prevé un total de cinco para completar a trama entre os núcleos existentes.

Tamén sinalou que neste municipio ordénanse máis de 85.000 m2 de solo de espazos libres e zonas verdes e máis de 50.000 m2 dedicados ao equipamentos comunitario. Unhas cifras que son o dobre no caso dos espazos libres e e máis do triplo no caso dos comunitarios, e que superan os mínimos establecidos por lei (39.500 para espazo libres e preto de 30.000 para o equipamento comunitario.

Hernández engadiu que en relación coas novas vivendas previstas, o PXOM cuantifica 900 novas vivendas que, sumadas ás vivendas existentes, fan un total de 2.401. Estas repártense do seguinte xeito:

- Núcleos rurais: 1.780 vivendas nos 31 núcleos rurais (74 % do total)
- Solo urbano: 474 vivendas no núcleo urbano de Leiro, que é o núcleo principal e á súa vez o único urbano existente (20% do total)
- Solo urbanizable: 147 vivendas (6% do total)

Recordou o conselleiro que a Xunta destinou un total de 118.000 euros para a a redacción do planeamento.