A Xunta aprobará un decreto de emerxencias para paliar os danos dos incendios forestais, entre eles o rexistrado no municipio de Avión

29, Agosto 2016

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse cos alcaldes de Avión e a Pobra de Trives, Antonio Montero e Francisco José Fernández, para analizar as consecuencias dos lumes que afectaron aos seus municipios no mes de agosto e onde foi preciso decretar como medida preventiva a situación 2.

No encontro tamén estivo presente o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto.

Xuntos mantiveron unha reunión de traballo para valorar que actuacións se poden levar a cabo para rexenerar o monte e recuperar os bens afectados. Ángeles Vázquez anunciou que o decreto de emerxencias que permitirá paliar os danos producidos nesta vaga de incendios irá en breve a Consello da Xunta, co obxectivo de comezar canto antes a traballar.

As achegas virán de fondos de Vicepresidencia, Facenda, Medio Ambiente e Medio Rural. Desta última consellería, sinalou a titular, depende a repoboación dos montes, así como as ordes de axudas para que a capa vexetal do monte non quede desprotexida ante as choivas do inverno, mentres que o resto de consellerías faranse cargo de sufragar o arranxo dos danos producidos nas infraestruturas, así como axudas aos afectados.