A Xunta completa as obras de mellora na travesía de Brués, que supuxeron un investimento de 390.000 euros. A conselleira de Infraestructuras anuncia unha nova axuda ao concello de Boborás para auditar a rede municipal de saneamento.

20, Febreiro 2023

A Xunta concedeu unha axuda de 14.500 euros ao Concello de Boborás para realizar unha auditoría nas redes de saneamento co fin de mellorar a calidade do servizo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa alcaldesa, Patricia Torres, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou hoxe dúas actuacións nas que a Xunta e o municipio colaboraron para mellorar servizos da auga.

Vázquez Mourelle explicou que Boborás é un dos 22 concellos galegos que se beneficia da orde de axudas para que os municipios realicen auditorías nas súas redes de saneamento municipal.

Sinalou que o obxectivo destas auditorías é avaliar a situación e os problemas que pode ter a rede municipal para ver as posibles eivas que prexudican o tratamento das augas residuais.

Precisou que estes incentivos da Xunta van dirixidos aos municipios máis pequenos, de menos de 50.000 habitantes, para que poidan analizar os sistemas de saneamento municipal co fin de erradicar as infiltracións de augas brancas na rede e evitar vertidos.

Esta convocatoria de axudas, publicada no mes de setembro pasado, por importe de 300.000 €, é a primeira co obxectivo de que os municipios poidan detectar e corrixir os problemas que presentan as súas redes e acadar un funcionamento máis eficiente do saneamento municipal.

No caso de Boborás, detallou que a experiencia sinala que hai moitos problemas de infiltracións derivados, por exemplo en Brués, da antigüidade das redes ou da falta de pluviais, que redundan en ineficiencias na depuración, en vertidos, excesivo consumo enerxético e afeccións ambientais.

A conselleira lembrou que o abastecemento, o saneamento e a depuración de auga son competencias municipais, pero a Xunta apoia aos Concellos no exercicio destas competencias, que son complexas desde o punto de vista técnico e custosas desde o punto de vista económico.

No marco desta cooperación, veñen de rematar as obras de renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais na travesía de Brués, tras un investimento total de 390.000 euros, dos que a Xunta achegou o 80 % e o Concello, o 20 % restante.

Grazas a esta actuación, solucionáronse os graves problemas que presentaban nesta zona as redes de abastecemento e saneamento, que tiñan máis de 50 anos e presentaban numerosas deficiencias que provocaban fugas e infiltracións.

Para resolver esa situación construíuse un novo treito de rede de pluviais e renováronse as correspondentes ao abastecemento e saneamento ao longo da travesía de Brués.

Ethel Vázquez sinalou que ademais, grazas a esa intervención, os veciños teñen hoxe unha vía máis humana e segura, cunha senda que facilita a súa mobilidade peonil.

Avanzou que tras finalizar estas obras, a Xunta e o Concello de Boborás van seguir colaborando para mellorar o funcionamento dos servizos de saneamento no municipio.