A Xunta destaca o éxito do Coworking O Carballiño -Ribeiro promovido pola Mancomunidade con sede no Irixo, que xa reúne a 20 proxectos

21, Febreiro 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na presentación dos tres novos coworkings que a Xunta impulsa na comarca de Valdeorras (A Rúa); a Mancomunidade do Carballiño (con sede no Irixo) e o Parque Tecnolóxico de Galicia- Tecnópole (en San Cibrao das Viñas), destacando que estes espazos de emprendemento, que seguen abertos á presentación de solicitudes, teñen garantido o seu éxito con preto de 60 proxectos xa inscritos, deles 20 son proxectos de novos emprendedores do Carballiño-O Ribeiro.

Nesta sexta edición, duplícanse os espazos cos que botou a andar a iniciativa en 2016, sendo nesta convocatoria un total de 11 coworkings en toda Galicia. Conde sinalou que, dos catro novos lugares que acollerán esta iniciativa, tres están na provincia de Ourense, engadindo que un dos obxectivos é que esta rede na que os emprendedores poden recibir asesoramento e madurar os seus proxectos chegue aos concellos do rural galego para que cristalicen alí novas iniciativas empresariais.

Tal e como explicou o responsable de Economía, Empresa e Innovación, a idea é que o número de proxectos en cada coworking se sitúe entre 16 e 22, adiantando que no espazo que se vai desenvolver na comarca de Valdeorras xa hai 18 inscritos; 20 na Mancomunidade do Carballiño e 19 na Tecnópole.

Tras a realización das cinco edicións anteriores desta iniciativa que se leva a cabo en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), frutificaron na provincia de Ourense un total de 89 empresas, e creáronse 122 empregos. A nivel galego, un 54% dos proxectos que pasaron polas diferentes edicións dos coworkings que se foron convocando consolidáronse como empresas. Así, son en total 384 novas inciativas, que permitiron a creación de 624 empregos en municipios localizados no rural, favorecendo a cohesión social e territorial.