A Xunta licita a mellora da autovía AG-53 ao seu paso polos municipios de Dozón, Piñor e San Cristovo de Cea, cun investimento de 4,8 millóns de euros

26, Abril 2020

A Xunta abre o prazo de presentación de ofertas para a execución das obras de renovación do firme na autoestrada AG-53, entre os enlaces de Dozón e de San Cristovo de Cea, cun investimento de máis de 4,8 millóns de euros.

O Consello de Administración da Sociedade Pública de Investimentos, adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, ven de acrodar o inicio do cómputo do prazo de presentación de ofertas para realizar esta actuación xa licitada, pero afectada pola suspensión de prazos nos procedementos administrativos unha vez declarado o estado de alarma.

A resolución, que ven de pubicarse na plataforma de contratos públicos Xunta, indica que as empresas interesadas na execución das obras poden presentar as súas ofertas ata o 20 de maio. No caso do contrato do servizo de control e vixilancia, o prazo finaliza o 11 de maio. O obxectivo da axilización nos trámites administrativos é poder executar a intervención durante este ano e en condicións meteorolóxicas axeitadas.

A actuación, cun prazo de execución de seis meses, desenvolverase no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 56+320 e 74+200 da autoestrada.

Os traballos centraranse na reparación de danos superficiais na estrada, no fresado de taboleiros de pasos de vigas e na reposición do firme en todo o tronco da vía e nos ramais do enlace de Cea.

Tamén se levarán a cabo o repintado de todas as marcas viarias do tronco e dos ramais da autoestrada e a reposición de captafaros e elementos de balizamento.