A Xunta licita a redacción do Plan estruturante do parque empresarial de Carballiño-Maside, que terá unha superficie total de 1,2 millóns de m2, con parcelas entre os 1.000 e os 20.000 m2.

10, Xaneiro 2024

A Xunta de Galicia investirá algo máis de 500.000 euros na redacción do plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) e instrumentos de desenvolvemento e execución do parque empresarial do Carballiño-Maside, tal como publica hoxe a Plataforma de contratos públicos de Galicia. O parque empresarial previsto pola Xunta de Galicia constituirá a ampliación do xa existente na Uceira pero emprazarase tanto nos concellos de Maside como no do Carballiño.

Así llo explicou o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a empresarios e representantes de ambos concellos nun encontro no que lles comunicaron a licitación do contrato e lles ofreceron información sobre a ampliación do parque empresarial. A esta reunión asistiron tanto os alcaldes do Carballiño e Maside, Paco Fumega e José Manuel Iglesias, e o coordenador de Xestur para o sur de Galicia, o carballiñés Argimiro Marnotes. Como anfitrión, exerceu o presidente da Asociación de Empresarios da Área Industrial do Carballiño, Manuel Carballeda.

Inicialmente prevese que o parque empresarial ocupe unha superficie total de máis de 1,2 millóns de metros cadrados dos que algo máis de 230.000 metros cadrados estarán no concello do Carballiño e preto de 990.000 metros cadrados corresponden ao concello de Maside. A superficie destinada a parcelas é de algo máis de 910.000 metros cadrados. A superficie das parcelas é moi variable para atender a demanda que na actualidade xa se está a recibir nos concellos do Caballiño e Maside, e van dos 1000-1500 m2 as máis pequenas ata a macroparcelas de 20.000 m2 as máis grandes.

As empresas interesadas en presentar as súas ofertas para optar a esta licitacion da redacción do plan estruturante do novo parque empresarial poden facelo ata o próximo 16 de febreiro. Según as estimacións avanzadas este mañá polo director do IGVS, a finais de 2025 o novo parque empresarial será xa unha realidade.