A Xunta programa dúas xornadas informativas sobre a "Factura da Luz" nos concellos de Cea e Maside, abertas a toda a veciñanza da comarca.

8, Abril 2022

O Instituto Galego de Comercio e Consumo ofrecerá neste mes de abril no que andamos dúas charlas informativas abertas a toda a veciñanza da comarca carballiñesa sobre a factura da luz, dentro da nova campaña informativa impulsada pola Xunta de Galicia para asesorar e aconsellar en relación a este servizo básico que afecta a toda a cidadanía.

Trátase de xornadas informativas de carácter presencial impartidas polos técnicos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC). A primeira xornada terá lugar o mércores 20 de abril ás 18:00 horas no antigo colexio da Alameda de Maside, e a segunda o martes 26 de abril ás 17:00 horas no auditorio do edificio multiusos de San Cristovo de Cea, ambas xornadas están organizadas en colaboración dos concellos de Maside e San Cristovo de Cea.

Nestes encontros, achégase asesoramento sobre os conceptos básicos que figuran na factura da luz para a súa mellor comprensión, así como para a adopción de decisións que poidan axudar no aforro. Así mesmo, trasládanse diferentes recomendacións, como solicitar as ofertas comerciais que se reciban sempre por escrito e ser cautelosos ao contratar fórmulas de cálculo do prezo da luz de difícil comprensión.

Complementariamente, o IGCC pon a disposición das persoas consumidoras os Venres de Consumo responde, unha iniciativa virtual para atender en aberto os venres ás 12.30 horas, todas as dúbidas das persoas consumidoras a través da aula virtual do organismo.

A cidadanía pode tamén facer uso do servizo telefónico de información gratuíta 900 23 11 23, que funciona de 9 a 14 horas e de 17 a 19 horas de luns a venres. Os consumidores tamén poden enviar as súas dúbidas por correo electrónico ou a través dun formulario que atoparán na web do organismo.