Zona Franca de Vigo anima ás empresas do Carballiño e comarca a presentar os seus proxectos ao Consorcio

10, Marzo 2023

os empresarios do Carballiño coñeceron hoxe de primeira man as posibilidades que ofrece o Consorcio da Zona Franca de Vigo para as súas empresas, en apoio á identificación de chan empresarial, proxectos, financiamento ou programas de aceleración e internacionalización. O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, mantivo un encontro con empresarios do municipio, na casa do concello do Carballiño, acompañado polo alcalde, Francisco Fumega.

David Regades destacou que “os instrumentos da Zona Franca están ao servizo das empresas para crear emprego” ademais de subliñar que “esta reunión é un exemplo de que poden pedirnos este tipo de encontros para coñecer que ferramentas pode ofrecer o Consorcio. Ferramentas que van desde a identificación de chan empresarial, o apoio do capital risco, coa sociedade Vigo Activo, ata os programas de aceleración de proxectos empresariais e internacionalización”, destacou.

O alcalde, Francisco Fumega, asegurou que “se trata dunha iniciativa que permite reforzar o tecido empresarial do concello e afianzar as posibilidades de afianzamento e expansión do mesmo, a través duns mecanismos que xa están a dar os seus froitos noutros municipios galegos”.

No Carballiño reuníronse representantes de empresas de diferentes sectores do municipio, que se interesaron especialmente polas ferramentas de financiamento do Consorcio, o acceso a apoios para a internacionalización ou as características do chan franco.

Asistiron tamén, ademais do alcalde, outros membros do goberno municipal como o concelleiro de promoción económica e técnicos deste departamento.

Previamente, David Regades mantivo un encontro co goberno local no que coñeceu os seus plans para a ampliación de chan empresarial e acordouse avanzar nun acordo para que Zona Franca poida dar apoio técnico ao Concello ourensán.

Na actualidade o chan empresarial do concello atópase practicamente esgotado, estando en espera da posta en marcha dunha nova fase de ampliación do parque empresarial existente, incluído nas novas áreas empresariais de Galicia e cunha superficie de 1.500.000 metros cadrados que se estenderán polos concellos do Carballiño e Maside

Zona Franca de Vigo é unha institución pública dependente do Goberno de España, que desde 1947 traballa para potenciar o comercio internacional e o desenvolvemento económico. Administra unha zona franca con todas as vantaxes para Import/Export, é o principal promotor de infraestruturas empresariais, promove a innovación e o emprendemento e xestiona un volume de activos 520 millóns de euros. Os seus seis parques empresariais (Balaídos, Bouzas e PTL en Vigo, A Granxa en Porriño, Porto do Molle en Nigrán e Plisan en Salvaterra-As Neves) contan con 8 millóns de metros cadrados. Alí están asentadas 705 empresas que empregan a máis de 20.000 persoas.

Vigo Activo é unha sociedade de capital risco e brazo investidor de Zona Franca de Vigo. Conta cun patrimonio de 25 millóns de euros e participa en máis de 70 compañías.