O conselleiro de Emprego e Comercio José González, o presidente da Deputación de Ourense Luis Menor, e o alcalde en funcións do concello do Carballiño, Pepe Castro Gil, asinaban o convenio de colaboración entre as tres administracións para dar soporte financieiro, por importe de 1,4 millóns de euros, para executar a obra de reforma integral da Praza de Abastos do Carballiño. Agora o concello carballiñés procederá á licitación do proxecto, que está previsto iniciar á volta do verán e motivará a reubicación dos praceiros fora do edificio mentres duren as obras.
Previamente a este acto, o Consello da Xunta autorizou onte a sinatura deste convenio por un importe superior aos 1,4 M€ dos que o Goberno galego achegará algo máis de 1 M€. A actuación bianual para identificar a praza de abastos carballiñesa coa calidade e o prestixio e potenciar a súa actividade comercial como atractivo de interese turístico permitirá renovar por completo as instalacións aumentando os servizos á clientela e fomentando a modernización e dixitalización, procedéndose este ano coas actuacións previas e coa adquisición dos materiais para garantir a execución das obras en 2027.
Así, tras as derrubas precisas e actuacións en fachada e cuberta, procederase cos traballos de albanelaría, carpintaría, vidraría, fontanaría, electricidade, ventilación ou climatización. Tamén se actuará en pavimentos e revestimentos, incidindo na accesibilidade, na protección contra incendios ou na xestión de residuos.
A totalidade dos praceiros ocuparán a planta baixa do edificio, mentres que a segunda planta convertiráse nunha zona de ocio e restauración.


