O Grupo Provincial Socialista insta á Deputación a “acabar coa exclusión industrial da provincia e a defender a sanidade no rural”

O Grupo Provincial Socialista levou ao Pleno da Deputación de Ourense dúas mocións para a defensa dos intereses da provincia: a primeira, para esixir equidade territorial nos Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE) da Xunta de Galicia; e a segunda, para reclamar a recuperación dos servizos sanitarios eliminados nos hospitais comarcais e implementar un plan de reforzo da sanidade pública no rural ourensán. A primeira foi rexeitada co voto negativo do PP e a abstención do BNG. Malia a posición en contra so PP, a segunda saíu adiante co respaldo de todos os grupos da oposición.

O voceiro socialista na Deputación e secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, denunciou que “Ourense é a única provincia galega completamente ausente dos 16 proxectos industriais estratéxicos declarados polo goberno autonómico”, que mobilizarán máis de 2.200 millóns de euros en investimento e xerarán máis de 4.300 postos de traballo. Dos 16 PIE declarados até o día de hoxe, 15 van para as provincias atlánticas, un para Lugo —o proxecto Altri— e ningún para Ourense.

A iniciativa reclamaba que a corporación provincial trasladase ao goberno de Rueda o seu rexeitamento pola ausencia da provincia, que se incorporasen criterios de equidade territorial nas novas declaracións e que se elaborase un plan de captación de investimento industrial dotado orzamentariamente, con prospección activa do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). Ao tempo, esixíase que a Deputación informase sobre todas as xestións realizadas perante a Consellería de Economía ao longo deste mandato. O PP votou en contra.

Para Vila, o voto negativo evidencia que o PP “prefire protexer ao goberno autonómico do seu propio partido antes que defender os intereses da provincia”. O voceiro socialista subliñou que a exclusión de Ourense é “inxustificable á vista dos activos provinciais”: o maior polígono industrial de Galicia en San Cibrao das Viñas, exportación neta de electricidade, conexión de alta velocidade, fronteira co mercado portugués ou o corredor mineralóxico Penouta-Forcarei. “O PP opta por volver ao pasado: xuntanzas de maiores, empanada e pulpo con cartos públicos, mentres a provincia queda fóra dos grandes proxectos de futuro”, concluíu Vila.

Defensa da sanidade pública no rural

A deputada Eva Pérez Gamote avogou pola recuperación dos servizos sanitarios eliminados e o reforzo dos hospitais comarcais, tomando o Hospital Público de Verín como expresión concreta dunha tendencia de deterioro que afecta tamén ao Hospital Público de Valdeorras. A iniciativa denuncia que a Hospitalización a Domicilio (HADO) leva interrompida desde marzo de 2020, que a Unidade da Dor foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e que a praza de cardioloxía permanece vacante desde finais de 2024, provocando demoras superiores a catro meses nas primeiras consultas e de máis dun ano para revisións.

Os datos do Consello de Contas constatan que o 35% das cirurxías de traumatoloxía e o 62% dos tratamentos de hemodiálise na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco se atenden en centros privados. O informe da Conta Xeral do SERGAS do exercicio 2024 engade que case o 50% do persoal sanitario ten vinculación temporal e que as interinidades medraron un 13% nun só ano. Para Pérez Gamote, “son datos que non describen un problema conxuntural, senón un modelo de xestión que renunciou á estabilidade asistencial nos hospitais comarcais”.

O PP votou en contra da iniciativa, argumentando que a sanidade pública en Galicia “funciona ben”, nunha posición que contradí de xeito flagrante a experiencia cotiá de miles de ourensáns que padecen listas de espera, prazas vacantes e servizos suprimidos. “A Deputación de Ourense non xestiona hospitais, mais ten a obriga política e ética de se posicionar con claridade na defensa dunha sanidade pública digna para toda a provincia”, afirmou a deputada.

Compartir en: