A Festa da Xuventude despide un multidudinario domingo, no que O Carballiño despachou máis de 100.000 racións de pulpo e a hostalaría local “fai o agosto”

Estos son os cálculos que se fan desde a Asociación de Pulpeiros e Pulpeiras do Carballiño-Arcos e empresarios do sector, como Daniel González Atanes de Frigoríficos Arcos, entre as pulperías locais, restaurantes, e os postos tanto nas rúas como no parque municipal, cocéronse máis de 50 toneladas de pulpo, o que equivale a máis de cen mil racións.

A celebración da 64ª Festa do Pulpo do Carballiño puxo este segundo domingo de agosto o broche de ouro a 21 días de programación cultural e lúdica, nos que pasaron pola vila milleiros de persoas que desfrutaron de concertos, teatro, actividades infantís e citas tan especiais como a elaboración da tapa de pulpo máis grande do mundo ou a Festa das Camisetas. Desde primeiras horas desta mañá, o Parque Municipal e as principais rúas do Carballiño enchéronse de visitantes que querían degustar a xoia gastronómica: o pulpo á feira.

José Castro-Gil, alcalde en funcións do Carballiño, e Manuel Dacal, concelleiro de Turismo, destacaron o éxito de participación da Festa do Pulpo, que cada ano recibe a máis visitantes chegados desde diferentes partes do mundo. No acto inaugural, Castro-Gil recordou que “O Carballiño é a vosa casa” e agradeceu a presenza de amizades de Lanzarote, Noventa Padovana (Italia), Mogán e Sevilla. Pola súa parte, Dacal puxo en valor o “gran traballo” das pulpeiras e pulpeiros, que manteñen a tradición gastronómica xeración tras xeración. “Grazas ao traballo de todos eles, hoxe veñen a visitarnos milleiros de persoas”, resaltou. Dacal tamén se referiu ao importante recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, acadado en 2022.

A xornada, como é habitual, reuniu gastronomía, artesanía, música e tradición no Parque Municipal. O entorno do palco da música acolleu o Festival Folclórico de Música e Danza Tradicional, onde actuaron Oviravai, Pataghullos e Ardentía. Ademais, Feitizo de Pau, Os Serandeiros, Feixoada e a Banda de Gaitas Os Catro Ventos ambientaron as tabernas e zonas de comida. Este ano, por primeira vez, o Concello habilitou unha zona pública de mesas e bancos.

Nas Barcias celebrouse unha multidudinaria Festa da Xuventude, onde se reuniron milleiros de persoas desde a tarde do domingo ata a madrugada do lúns para desfrutar coa música de DJ Ballesteros, a discomóbil galega A Gramola, Codeso, Saúl Gallego, Nico Batea, Diego Valeiras, Rivero, Aitor Alfonsín, Javii, Ivi Bralo, Dúo y Medio, Dris, Sergito, De Melo e Mencler.

Compartir en: