O salón de plenos do Concello do Carballiño acolleu a recepción oficial das autoridades convidadas á 64ª Festa do Pulpo de Lanzarote, Noventa Padovana, Mogán e Sevilla. O alcalde en funcións, José Castro-Gil, o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, e membros da corporación local recibiron aos invitados para agradecerlle a súa colaboración e apoio. “O Carballiño está aberto ao mundo e a toda a xente que nos axuda a expandir a nosa tradición gastronómica vinculada ao pulpo”, apuntou José Castro-Gil.
O edil de Turismo puxo en valor a colaboración coas cidades convidadas: “O pulpo e a gastronomía únennos con outros lugares que, coma nós, defenden e manteñen vivo o seu patrimonio e a súa cociña tradicional”. Nesa liña, recordou a adicación a Lanzarote da Festa do Pulpo deste ano, así como o irmandamento con Noventa Padovana, a futura unión con Mogán e a homenaxe do Lar Gallego de Sevilla ao Carballiño na pasada edición da Feria de Abril.
Pola súa parte, Miguel Ángel Jiménez, conselleiro da Presidencia do Cabildo de Lanzarote, agradeceu o traballo incansable de todas as persoas que manteñen viva a Festa do Pulpo dende hai 64 anos. “O bó da gastronomía é que non importan os idiomas, importa o paladar; a gastronomía une pobos”, destacou. Jiménez tamén deu ás grazas ao Concello por elixir a illa canaria como localidade homenaxeada nesta edición do Pulpo.
Marcello Bano, alcalde de Noventa Padovana, e Davide Iafelice, concelleiro, referíronse ao “forte vínculo” que une a vila italiana co Carballiño, así como á importancia de preservar as tradicións gastronómicas. “O valioso é que o noso pulpo e o voso pulpo non son a mesma cousa, cada un fala do seu lugar e da súa tradición”, apuntaron.
Víctor Gutiérrez, concelleiro de Pesca de Mogán, adiantou que O Carballiño estará presente na Feria do Atún e do Mar de Mogán do próximo mes de novembro. “Estamos moi contentos de estar aquí e de poder recibirvos nuns meses”, sinalou.
Por último, Begoña Domínguez, vicepresidenta do Lar Gallego de Sevilla, agradeceu o convite e destacou o vínculo de Sevilla con Galicia e co Carballiño. “Este ano, na nosa caseta da Feria de Abril, moitas persoas puideron desfrutar das imaxes do voso patrimonio natural e artístico”, subliñou.
Ao remate da recepción, os participantes puideron degustar queixos, papas arrugás e viños de Lanzarote, así como embutido tradicional, doces e licores de Noventa Padovana.


