A Xunta impulsa na comarca a rehabilitación de vivendas destinadas a persoas traballadoras

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo un encontro co tecido empresarial e con entidades da comarca do Carballiño interesadas na nova convocatoria de impulso á rehabilitación de vivendas destinadas a persoas traballadoras. Sinalando que esta comarca é unha das máis propicias para o desenvolvemento da nova orde por ter unha alta porcentaxe de vivendas baleiras, informou sobre os seus requisitos e animou a solicitar as axudas antes do próximo 15 de xullo, cando remata o prazo.

Na xuntanza, o conselleiro sinalou que a iniciativa conxunta das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas persegue, por unha banda, atraer talento para garantir a cobertura de vacantes e, por outra, dar unha nova vida a inmobles inhabitados, sen rematar ou deteriorados co obxectivo de fixar poboación no rural galego, poñendo o foco nos municipios de menos de 20.000 habitantes.

Neste sentido, a orde consta de dúas liñas: a primeira dirixida a empresas e a persoas físicas ou xurídicas, e a segunda destinada a concellos, con axudas máximas previstas de ata o 95 % do orzamento da rehabilitación. Se se rehabilita unha vivenda unifamiliar, a cantidade máxima será de 50.000 € no caso de que soliciten a axuda empresas ou persoas físicas, e de 75.000 € no caso de concellos. No caso de edificios residenciais colectivos inacabados ou que se encontren en situación de esqueleto inmobiliario, a contía non poderá superar os 30.000 € por cada unha das vivendas que formen o inmoble, nin a cantidade global para todo o conxunto dos 300.000 €.

No marco das dúas liñas de axudas existentes, a orde contempla tamén dúas variables. A primeira, que as empresas con centros de traballo en Galicia sexan as propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do uso das vivendas por un prazo mínimo de 10 anos e decidan rehabilitalas para destinalas á residencia habitual das súas persoas traballadoras, contribuíndo así á cobertura das súas propias vacantes. A segunda, que esas empresas cheguen a acordo cunha ou varias persoas propietarias de vivendas da zona, ou mesmo con concellos, para que sexan eles quen se encarguen de rehabilitar os inmobles en beneficio último dos traballadores desas empresas.

Deste xeito, González destacou que os inmobles deben destinarse a persoas traballadoras, en réxime de alugueiro ou de cesión de uso. Non poderán estar situados a unha distancia superior a 15 quilómetros do centro de traballo onde estea contratada a persoa destinataria final, sempre nun concello con menos de 20.000 habitantes.

Criterios de valoración

Segundo explicou o titular de Emprego, ao analizar as solicitudes terase en conta tanto a distancia entre a vivenda e o traballo como a distancia ata unha parada de transporte público ou unha vía de alta capacidade. A maiores, darase prioridade ás vivendas dirixidas a persoas que traballen en sectores estratéxicos —como pode ser o agraolimentario, o forestal ou o dos coidados de persoas— e valorarase tamén a sostibilidade das rehabilitacións.

O conselleiro concluíu aludindo ás novas axudas como unha orde sen precedentes, que permite avanzar na cobertura de vacantes laborais por parte do tecido produtivo proporcionándolles ás persoas traballadoras o acceso á vivenda imprescindible para que poidan aceptar un emprego e establecerse con todas as garantías. Tanto á forza laboral interna, dixo, como á exterior necesaria para seguir avanzando no encaixe de oferta e demanda que redunde no desenvolvemento económico de Galicia.

Compartir en: