As obras de mantemento do viaducto do Barbantiño cortan ao tráfico a autovía AG-53, a partir deste lúns 6 de xullo de 8:00 a 19:00 h.

O Inicio das obras de acondicionamento e reforzo do viaduto da autovía Dozón-Ourense (AG-53) sobre o río Barbantiño farán necesario o corte total deste treito, a partir deste vindeiro luns, día 6 de xullo, e terá unha duración de entre 3 e 4 días.

Nesta obra inclúese a realización previa dunha proba de carga de estado actual da estrutura, como medida adicional de contraste do comportamento da estrutura e do modelo de cálculo realizado sobre as inspeccións realizadas sobre o mesmo.

Deste xeito, durante esta semana está prevista a execución desta proba de carga. Estes traballos deben executarse nunha única fase, realizando probas con camións en posición centrada e camións en posición excéntrica. Debido a que este viaduto está formado por un taboleiro único, non é posible cortes de carrís ou de calzada alternos, sendo a única solución posible o corte total da AG-53.

A afección ao tráfico será en ambos os dous sentidos e comezará este luns 6 de xullo e terá unha duración máxima de catro días, ata o xoves 9 de xullo, inclusive. Cada día o corte comezará sobre as 8.00 h. e levantarase sobre o 19.00 h.

Así, debido a que resulta inviable transferir o tráfico pola calzada contraria, polo posicionamento necesario dos camións en ambas as calzadas, é necesario realizar o corte de ambas as calzadas afectando o tramo da AG-53 comprendido entre o enlace coa AG-54 (punto quilométrico 78,5) e a conexión con A-52 e OU-402 (punto quilométrico 87,2).

Como alternativa para os usuarios da vía, desviarase o tráfico da AG-53 en sentido Ourense pola AG-54 (a través da saída 75 da AG-53), N-541 (a través da saída 1 da AG-54 – ligazón de Maside – e variante de Maside), e N-120, desde a que se poderá incorporar á A-52 para continuar en dirección Ourense ou en dirección Vigo.

Do mesmo xeito, para o desvío en dirección Santiago, cortarase o acceso á AG-53 na saída 240 da A-52, desviando o tráfico dirección Santiago pola saída 241 da A-52, canalizándoo a través da N-120, nun percorrido oposto ao desvío de tráfico dirección Ourense indicando con anterioridade.

Tanto na AG-53 como na AG-54 e no enlace de Maside dispoñerase da sinalización oportuna, para orientar aos usuarios da vía a través do itinerario alternativo:

Tramo cortado: https://maps.app.goo.gl/iC2LoMrVU9EXUyAL7

Recorridos alternativos:

Desde Santiago (AG-53): https://maps.app.goo.gl/VgW97jrwn7BVchy79

Desde O Carballiño (AG-54): https://maps.app.goo.gl/sRLgSyR293GwNe8x6

As obras

A Xunta adxudicou por un investimento de máis de 2,6M€  esta obras de acondicionamento e reforzo do viaduto da autovía Dozón-Ourense (AG-53) sobre o río Barbantiño. A través desta actuación, trátase de levar a cabo distintos traballos de reparación e conservación no interior do taboleiro e na cara exterior da lousa superior do viaduto, do Barbantiño, no tramo do enlace de Cea-enlace coa OU-402 e a A-52, entre os puntos quilométricos 81+134 e 81+914.

Os traballos teñen como obxectivo devolver a estrutura ao estado de durabilidade correspondente aos anos de servizo da mesma. Este viaduto foi inaugurado e posto en servizo o 25 de abril de 2009.

As obras que se executarán enmárcanse principalmente dentro do termo municipal de Punxín e parte do termo municipal de Amoeiro.

Esta nova intervención na AG-53 enmárcase no programa pioneiro impulsado pola Xunta de inspección e redacción de proxectos de conservación de estruturas e obras de paso das estradas autonómicas, co obxectivo de preservar a seguridade dos usuarios das infraestruturas viarias e alongar a vida útil destas mediante actuacións de conservación preventiva.

Compartir en: