O Concello de Boborás, un dos concellos con maior riqueza patrimonial de Galicia, levará a cabo a primeira fase das actuacións de integración paisaxística, mellora funcional e accesibilidade na contorna da igrexa de San Martiño de Cameixa, no lugar de Morouzón, unha intervención que busca poñer en valor un enclave de enorme importancia histórica, arquitectónica e social para a parroquia de Cameixa e para o conxunto do municipio.
A actuación desenvolverase ao abeiro do convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Boborás, co obxectivo de avanzar na recuperación, ordenación e dignificación deste espazo público situado arredor dun dos elementos máis destacados do patrimonio local.
A igrexa de San Martiño de Cameixa é un dos templos románicos de referencia en Galicia. Datada no século XII, destaca pola súa espectacular ábsida semicircular, de gran valor arquitectónico e artístico, sostida por columnas exteriores e cunha coidada decoración en pedra. O templo conserva ademais elementos singulares como unha ventá de medio punto e un antigo reloxo de sol, un dos poucos que se manteñen en igrexas románicas da comarca.
A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, destacou que esta intervención “forma parte dunha liña de traballo clara do Concello de Boborás para poñer en valor o noso patrimonio. Boborás é un dos concellos con máis patrimonio de toda Galicia, e temos a responsabilidade de coidalo, recuperalo e facelo accesible tanto para a veciñanza como para as persoas que nos visitan”.
Neste sentido, Torres subliñou que “neste caso actuamos nunha contorna de enorme valor, vinculada á arquitectura relixiosa e tamén á arquitectura civil tradicional, mellorando ao mesmo tempo a accesibilidade, a seguridade e a imaxe dun espazo que forma parte da identidade da parroquia de Cameixa e de todo o municipio”.
A primeira fase céntrase na zona situada ao leste do adro da igrexa e inclúe a reordenación do espazo fronte ao templo, a redución da explanada pavimentada para gañar superficie verde, a execución de pequenos muros de cachotaría de pedra que tamén funcionarán como bancos, a renovación dos pavimentos con pedra granítica e formigón desactivado, e a creación dun parterre con especies arbustivas.
Tamén se prevé a mellora visual do muro da ampliación do cemiterio mediante vexetación, a protección da mina de auga existente para evitar riscos de caída, a execución de canalizacións soterradas para servizos e a recolocación do panel informativo do monumento nunha zona máis axeitada próxima á entrada do adro.
Dende o Concello sublíñase que esta actuación respecta o carácter patrimonial e cultural da contorna, xa que toda a intervención se limita a espazos públicos próximos á igrexa e se desenvolve seguindo criterios de integración paisaxística, mellora funcional e accesibilidade.
“Falamos dunha intervención pensada para mellorar a vida da veciñanza, facilitar o uso do espazo nos actos relixiosos e sociais, e ao mesmo tempo facer máis atractiva e coidada a visita a un recurso patrimonial de primeiro nivel”, sinalou a alcaldesa.
O Concello de Boborás agradece a colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, para facer posible esta actuación, enmarcada na aposta municipal pola conservación, recuperación e promoción turística do patrimonio local.

