Unha forte tormenta de sarabia provoca danos en cultivos de horta e incidencias no tráfico en varias zonas da comarca

14, Abril 2020

Unha tormenta que descargou a media tarde deste martes 14 de Abril unha gran cantidade de sarabia sorprendeu á veciñanza confinada nas súas casas, vendo como provocaba danos considerables nos cultivos de horta,  moitos recén prantados, e nas árbores frutais en varias zonas da comarca.

Concretamente, a área máis afectada foi o triángulo definido polo norte do concello do Carballiño, o este do municipio de Maside e o sur de San Cristovo de Cea, e as aldeas máis afectadas as das parroquias de Seoane, A Piteira, ou San Facundo. No mesmo parque empresarial do Carballiño a sarabiada foi monumental.

As estradas desta contorna quedaron brancas e con varios centímetros de espesor de pedra caída, que motivou incidencias no tráfico, xa que os conductores víronse obrigados a deter a circulación dos vehículos, mesmo na autovía de Santiago ao seu paso por esta zona, sen que haxa que lamentar accidentes.