A Xunta estudará a posibilidade de construir no Irixo vivendas modulares ou a rehabilitación de vivendas abandonadas

7, Xuño 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira Lorenzo, os proxectos de maior interese para o concello, como o apoio ao rural ou actuacións de abastecemento e saneamento.

O presidente da Xunta recordoulle ao alcalde, en relación ao primeiro punto, que a 2ª fase do plan de pastizais, que se activará proximamente, permitirá poñer en valor un total de 30 montes veciñais pertencentes a concellos galegos, entre eles os do Irixo. Tamén lle trasladou a vontade de estudar unha posible colaboración co proxecto consistente nunha web de venta online de empresarios do concello para apoiar a “marca Irixo”.

En relación ás dúas solicitudes cursadas polo concello para executar actuacións en materia de saneamento e abastecemento, o presidente da Xunta confirmoulle ao alcalde que neste momento están a ser analizadas. Finalmente, Feijóo tamén sinalou que se estudará a posibilidade de construír vivendas modulares ou a rehabilitación de vivendas en estado de abandono ou semiabandono, ademais da posibilidade de levar a cabo unha instalación deportiva na antiga estación do tren, en colaboración coa deputación.