O libro, coordinado por Santiago Martínez e José Luis López Taboada, pódese conseguir nas librarías do Carballiño Escolma, Castro e Ábaco, mestura as historias dos pulpeiros e pulpeiras e a tradición do pulpo coa gastronomía máis moderna. “Desde o Concello só podemos agradecer este tipo de iniciativas que reivindican a calidade da nosa cociña e das nosas xentes”, sinalou Manuel Dacal, concelleiro de Turismo.
As 60 páxinas de “Polbo, suor e cobre” poñen en valor a tradición, así como ás persoas que levan moitos anos cociñando o pulpo á feira. “Este libro naceu o ano pasado, pensamos en facer unha homenaxe e poñer en valor ás polbeiras e polbeiros do Carballiño e partir de aí xuntámonos de forma altruísta todos os amigos e amigas das escolas de hostalaría de Galicia”, detallou Santiago Martínez, un dos impulsores.
Deste xeito, as pequenas biografías dos pulpeiros e pulpeiras van acompañadas de tres receitas elaboradas co seu pulpo e deseñadas por profesorado dos centros de hostalaría galegos. “Buscamos aos polbeiros e polbeiras máis maiores porque temos que estar mentalizados contra o edadismo que hai na sociedade”, engadiu.
O escritor Julio López Quiroga encargouse de recoller as entrevistas, realizadas pola secretaria da Asociación de Pulpeiros do Carballiño, María Lage. “A toda a información que me chegou dinlle corpo para plasmala no libro; a verdade é que me encantou facer este traballo e todas as súas historias son inmortais agora, aí quedan, para sempre”, resaltou.
O libro conta coa colaboración do Concello do Carballiño, Aceites Abril e a Asociación de Pulpeiros do Carballiño.


