28, Febreiro 2016

O conxunto carballiñés impúxose aos vigueses do AlertaNavia tras voltear o marcador, xa que os visitantes cobraron ventaxa á media hora de partido. A un minuto para chegar ao descanso, o árbitro sinalou como penalti unha man dentro da área dun xogador vigués, e Martín Pérez empatou para o Arenteiro, nunha xogada que seguramente resultou providencial para o desenlace final do partido. Logo, na reanudación, o mesmo Martín Pérez -no minuto 53- e xa preto do final Pana, marcaron os goles da remontada.

Comezou moi espeso o Arenteiro, con moitas imprecisións atrás e sen conseguir superar aos vigueses no medio do campo, e asi toda a primeira parte. Afortunadamente para os verdes, primeiro o penalti e logo o gol tras o intermedio nivelaron o encontro, pero as acometidas do AlertaNavia seguiron facendo sufrir a retagarda local, ata que Pana a pase de Dani González, acaso na mellor xogada da tarde dos verdes, sentenciou o encontro.

Con esta victoria, o equipo dirixido por Manel Vázquez logra sumar catro partidos imbatido, con tres victorias e un empate, achegandose -con 40 puntos- ao obxetivo da permanencia.

CD Arenteiro: Israel, Marcos Castro, Aitor Martínez, Dafonte, Pana, Victor Gallego, Bardelás, Martín Pérez, Sanginés, Vitti e Alberto. Tamén xogaron Marcos Sotelo, Iván Portos, Dani González e Vilachá.

27, Febreiro 2016

O concello do Carballiño lamenta profundamente o fallecemento do doctor Luís Rodríguez Míguez, condecorado coa Medalla de Ouro do Carballiño en novembro de 1995.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, en nome de toda a corporación municipal e do pobo do Carballiño, expresa á súa dona, á súa filla e ao resto da  súa familia as máis sentidas condolencias polo pasamento dunha das personalidades máis salientables de Galicia no estudo e promoción do termalismo, que tivo unha dedicación e unha querencia especial polo Carballiño, e por iso foi distinguido co máis alto recoñecemento a unha persoa que se contempla na normativa municipal.  

O doctor Luis Rodríguez Míguez foi o verdadeiro impulsor das Xornadas de Termalismo de Galicia, que se desenvolveron durante moitos anos no Carballiño, dende 1984, e da creación do “Curso Básico de Hidroloxía Médica”, que tamén tivo como sede a vila carballiñesa.

Ademáis, publicou unha obra esencial para o coñecemento da historia e divulgación dos balnearios do Carballiño, como é o “Estudio Histórico Bibliográfico del Termalismo: principales surgencias de la provincia de Ourense”, onde se fai unha mención especial das augas termais do Carballiño, fundamentalmente, do Gran Balneario e do Balneario das Caldas de Partovia.

E foi un árduo defensor da creación do Instituto Termal de Galicia no Carballiño, un soño que, sen embargo, nunca viu cumplido.

Por estas e outras consideracións, que teñen moito que ver coa súa traxectoria profesional, docente e investigadora, pero tamén coa súa vertente humanista, que tanto o caracterizaba, a corporación municipal do Carballiño incoou un expediente de honores para otorgarlle, en sesión extraordinaria celebrada o 30 de novembro de1995, a “Medalla de Ouro da Vila do Carballiño”.  

Daquela, era o alcalde Pachi Vázquez, e o acordo plenario, adoptado por unanimidade dos grupos municipais que conformaban a corporación, PSdeG-PSOE, BNG e PP, culminaba unha proposta que fora realizada polo xa daquela exalcalde Argimiro Marnotes Rodríguez, en marzo de 1995.

 

26, Febreiro 2016

O mercado laboral da comarca de Carballiño creceu preto do 1% –en concreto, ó 0,91%– no ano 2015, o que lle permite afianzar e consolidar por terceiro trimestre consecutivo o nivel dos 8.000 traballadores afiliados á Seguridade Social. Trátase da segunda forza de traballo máis dimensionada da provincia, só por detrás da existente na comarca de Ourense, e con vantaxe sobre á de Valdeorras: 8.002 afiliacións en Carballiño e 7.923 en Valdeorras.

Estes datos foron divulgados polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, na primeira presentación comarcal do Observatorio Económico da Deputación de Ourense, realizada no salón de plenos do Concello do Carballiño, coa asistencia de alcaldes, técnicos de emprego, empresarios e axentes sociais da zona.
 
Segundo as estatísticas do estudo, con ese ritmo de rexeneración de afiliacións próximo ao 1% en taxa interanual, foi a quinta comarca ourensá con mellor comportamento neste indicador da recuperación económica. Non dista moito da creación neta de empregoque acreditan as outras dúas comarcas con maior des-envolvemento empresarial da provincia: a de Ourense, cun auxe de afiliacións do 1,2% no último ano; e a de Valdeorras, cun incremento do 1,3%.
A nivel municipal, catro concellos lograron crear emprego, un conservou a mesma cifra de postos de traballo (Piñor) e catro perderon afiliados en 2015. Entre os primeiros, Irixo e Boborás impulsaron un 3% de emprego neto; e O Carballiño e Maside, un 2%. No lado oposto, as peores evolucións déronse en Beariz, que nun ano acurtou o seu mercado de traballo en algo máis do 9%; e en Punxín, onde a baixada foi do 5%.

Ao analizar o convulso período dos últimos oito anos, obsérvase que a comarca perdeu o 15% das afiliacións en taxa acumulada, proporción que supera en dous puntos ás medias provincial e galega, situadas ambas na contorna do 13%. Con todo, presenta un comportamento mellor que sete comarcas ourensás, xa que só recuperou menos afiliados que Ourense, Verín, Allariz-Maceda e Viana. 
 
Por outra parte, o paro rexistrado baixou en 2015 un 6,6% no conxunto da comarca de Carballiño, cifra moi en liña coa redución media da provincia (-7%). Presenta o sexto maior descenso comarcal e, de manter o ritmo actual, en dous anos lograría situar o censo de parados por debaixo dos 2.000 demandantes de emprego, situación que xa produciuse excepcional e illadamente nos meses de agosto e setembro de 2015, pero que non se tiña visto desde outubro de 2009.
 
A análise do paro por municipios reflicte contrastes moi acentuados. Si ben se acurtou en 2015 nun 10% na cabeceira comarcal, O Carballiño, e nun 9,6% en San Cristovo de Cea, nese mesmo ano a taxa interanual subiu un 37,5% en Beariz. Pero cabe precisar que este inusual repunte en Beariz responde en realidade a un incremento moderado en términos absolutos, ao pasar dun total de 32 parados en xaneiro de 2015 a 44 no mesmo mes de 2016, o que equivale a un inscrito máis ao mes.
 
Na comparativa coa situación previa á crise, ve-mos un primeiro concello, o de San Cristovo de Cea, que rexistra hoxe menos parados que en xaneiro de 2008, cun descenso do 2,4%. E O Irixo achégase ta-mén a ese fito, xa que o aumento acumulado limítase ao 4,9%. Pola súa banda, o paro acumulado no municipio de Carballiño aínda sinala un incremento do 40%, moi superior á media provincial do 28,7%.

O sétimo Observatorio Económico Ourensán adicou un fondo tratamento ao colectivo dos pensionistas, desde o enfoque demográfico e tamén desde o punto de vista dos tipos de cotizacións, do poder adquisitivo e do grao de cobertura. Unha das conclusións do informe é que o desenvolvemento empresarial da comarca non se percibe aínda no importe medio das pensións, que está fixado en 674 euros, o terceiro máis feble da pro-vincia, si ben no último ano subiu un 1% (e un 5,7% en taxa acumulada desde 2011).
 
Mentres, a cobertura das pensións entre o colectivo dos maiores de 65 anos (porcentaxe da poboación que cumpriu os 65 anos e que percibe pensión) sitúase nesta comarca no 81,3%, cando a media da provincia está no 79,6% e a de Galicia no 78,5%. O grao de cobertura que alcanza Carballiño é o sexto máis alto de Ourense, só superado por Terra de Caldelas (88,1%), Terra de Trives (85,2%), Allariz-Maceda (83,4%), A Limia (83%) e Viana (81,6%). As proporcións máis cativas son as das comarcas de Verín (75,7%), Ourense (77,9%) e A Baixa Limia (78,5%).

26, Febreiro 2016

José Luis González mostra, a través de comunicados remitidos aos medios de comunicación, a súa satisfacción, tanto pola aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal como dos orzamentos municipais para o exercicio do ano 2016 no que andamos.

Para acceder aos comunicados do alcalde de Piñor prema nos arquivos adxuntos:

26, Febreiro 2016

Os alumnos de 3º de ESO do IES Chamoso Lamas, Pilar España, Marta Fernández, Santiago López e Manuel Quireza participarán o sábado 27 de Febreiro na sétima edición do Parlamento Xove, mentres que o sábado 5 de Marzo a quenda será para os alumnos de Bacharelato, Yeray Barreiro, Danarys Michaelis, Ana Fernández e Lucía España.

O proxecto Parlamento Xove confórmano un conxunto de encontros dialécticos que teñen por obxecto fomentar entre os mozos o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias.

Poténcianse habilidades individuais e en grupo entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Así mesmo, fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais.

Na edición deste ano o tema a tratar leva como título “Determina o papel do profesor/a o futuro dos nosos mozos e mozas? ”, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, nesta edición participan 48 centros de toda Galicia.

24, Febreiro 2016

O concello do Carballiño porá en marcha, a partir do próximo mes de marzo, un programa de reinserción laboral para 60 persoas desocupadas, coa finalidade de que poidan acceder ao remate do mesmo a un posto de traballo.

Esta iniciativa, promovida pola concellalía de Promoción Económica, que dirixe Adolfo Nogueira, fíxase o obxectivo de conseguir, alo menos, a colocación da metade das persoas que participen neste programa, concretamente, o 45% (entre 25 e 30 persoas). Non obstante, espérase que acaben atopando colocación a maioría das persoas inscritas.

Este programa integral de emprego, que se presenta baixo a denominación de “Carbaemprega”, vai dirixido, fundamentalmente, ao colectivo de persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción.

Unha das características de Carbaemprega é, precisamente, proporcionar unha  formación cualificada para poder obter un emprego de calidade.

De aí que o programa contemple accións específicas en técnicas de coaching, intelixencia emocional e de motivación para a busca de emprego, así como no uso das novas tecnoloxías e, por suposto, na adquisición de habilidades prácticas naqueles sectores con implantación no tecido industrial do Carballiño.

De feito, unha das finalidades da concellalía de Promoción Económica, é exercer a intermediación entre empresas que precisan cubrir necesidades de persoal e as persoas traballadoras desempregadas. E este mesmo obxectivo se fixa para este programa.

Por iso, nalgúns cursos previstos se prestará unha atención especial  aos contidos de carácter práctico e de corte industrial destinados á adquisición de competencias específicas e necesarias para o empeño profesional en empresas da zona.

Se temos en conta que o tecido empresarial do Carballiño está caracterizado por empresas de actividades relacionadas coa soldadura e calderería, estes cursos estarán orientados a dotar de coñecementos, destrezas e habilidades técnicas relacionadas coa soldadura e calderería dende unha perspectiva da construcción, fabricación e montaxe de estruturas metálicas. Pero tamén se inferirá no coñecemento e respecto das normas de prevención de riscos laborais no entorno laboral.

Sen embargo, outros aspectos do programa se centran en incrementar a capacidade emprendedora dos participantes, tanto para poder traballar por conta allea como por conta propia.

Para a posta en marcha deste programa, o concello do Carballiño conta cun equipo de profesionais formado por tres orientadoras laborais e dous técnicos de emprego, así como coas instalacións adecuadas para impartir os cursos e as accións contempladas, como unha aula de informática, aulas para impartir clases e para desenvolver obradoiros.

 O programa, que terá unha duración dun ano, dende marzo deste2016 amarzo do 2017, xa se remitiu á consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, para a súa aprobación, dentro das bases  dunha convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os naos 2016 e 2017.  

 

22, Febreiro 2016

O auditorio municipal do Carballiño convertirase estes próximos meses nun referente cultural e gastronómico das vilas en Galicia. O ciclo de monólogos “Carballiño Comedy”, estrenado o pasado sábado con gran éxito polo humorista Javier Veiga, compartirá o auditorio municipal durante as fins de semana cun ciclo das mellores obras teatrais galegas, que se representarán os últimos sábados de cada mes.

Pero esta iniciativa ten, ademáis, un valor engadido, porque coas entradas para o teatro, a hostalería local oferta un desconto no prezo da cena.

Baixo a denominación de “Os sábados a escea”, a concellalía de Cultura inicia o próximo sábado, 27 de febreiro, a programación de catro obras de teatro galego, tres comedias e un drama, que farán que O Carballiño ofreza unha carteleira moi suxestiva ata o mes de xuño.

O ciclo comeza coa obra “AS DO PEIXE”, da compañía “Abrapalabra Creacións Escénicas”, que conta con catro actrices de renome no panorama teatral galego, como son Susana Dans, Mónica Caamaño, Casilda Alfaro e Rocío González.  

Esta comedia foi unha das máis galardoadas nos Premios María Casares do ano 2014. Concretamente, recibiu a galardón ao mellor texto orixinal (Cándido Pazó), á mellor dirección (Cristina Domínguez) e á mellor actriz protagonista (Susana Dans).

Precisamente, o feito de ser obras premiadas ou optar aos Premios María Casares este ano 2016, que se fallarán en marzo, son características comúns das catro obras que forman parte deste ciclo teatral.

Así, no mes de marzo, o sábado 26, representarase a comedia “PERPLEXO”, da compañía “iLMAQUINARIO”, que obtivo cinco galardóns na última edición dos premios María Casares, por mellor espectáculo, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor adaptación e mellor dirección.

O 30 de abril, tocaralle a quenda á compañía Teatro do Atlántico, coa obra dramática “PRINCIPIO DE ARQUÍMEDES”, que conta cun elenco de artistas da talla de María Barcala, Toni Salgado, Alberto Rolán e Marcos Viéitez. Esta obra é unas das firmes candidatas aos premios María Casares deste ano 2016.

E, finalmente, o sábado 28 de maio, represéntase a comedia “NOITEBOA”, da compañía “Redrum Producciones”, que tamén opta aos premios María Casares do 2016. No seu elenco actoral figuran Ernesto Chao, Mela Casal e Guillermo Carbajo.

As representacións terán lugar todas ás 20,30 h., e terán un prezo de 5 euros, pero coa entrada haberá un desconto do 10% nas ceas dos 29 mesóns e restaurantes incluidos na “Ruta das Tapas”.

Deste modo, a hostalería carballiñesa e a cultura van da man, nunha perfecta maridaxe entre o teatro e a gastronomía.

21, Febreiro 2016

O Arenteiro abríu o marcardor cun gol de Alberto aos 10 minutos de partido, acaso na mellor xogada dos verdes de toda a tarde, co 0-1 chegouse ao descanso, tras unha primeira parte na que o Arenteiro trataba de propoñer algo de fútbol mentres que os  locais dedicabanse a bombear continuamente balóns sobre a área do Arenteiro, creando unha sensación de perigo, maís ficticia que real.

Na segunda parte o partido desenvolviase co mesmo guión, ata que chegou o empate do Monterrei no minuto 58, e logo nun intervalo de apenas 5 minutos outros 3 goles, o que elevou a emoción na grada. Sanginés volveu adiantar ao Arenteiro, pero tralo gol e no mesmo saque de centro volveron empatar os de Monterrei, cun chupinazo dende o centro do campo que se cola por toda a escadra. Martín Pérez fixo o terceiro e definitivo dos verdes.

CD Arenteiro: Israel, Marcos Castro, Maxi, Aitor Martínez, Pana, Dafonte, Bardelás, Victor Gallego, Iván Portos, Vitti e Alberto. Tamén xogaron Sanginés, Martín Pérez, Dani González -que debutou co Arenteiro- e Esteban.

21, Febreiro 2016

Os estudantes do Instituto nº 1 do Carballiño proclamáronse vencedores en Pontevedra da primeira fase do debate encol da desigualdade por razón de sexo, e pasarán á fase final, que se celebrará na mesma cidade o 30 de abril.

O equipo carballiñés, formado por Víctor Xesús Barreiro Domínguez (4º ESO), Marta López Gil (4º ESO), Beatriz Blanco Pousada (1º BAC), Sandra Pérez Vilas (1º BAC), Laura López López (1º BAC) e Eugenio Martín Álvarez Otero (1º BAC), foi o mellor fronteaos equipos dos institutos de Poio, Ponte Caldelas e os catro de Pontevedra cos que competiron. 

Xunto co equipo do instituto Luis Seoane de Pontevedra, que tamén se clasificou, acudirán á fase final para enfrontarse cos institutos do resto de Galicia que obtiveron as puntuacións máis altas nesta fase.

O tema a debatir na fase final, será “En galego hai un mundo de cousas boas”.

Dase a circunstancia de que na edición do pasado ano, o equipo gañadora bsoluto do Club de Debate, foio deste mesmo instituto carballiñés.

Esta iniciativa educativa, organizada polos concellos con servizo de normalización lingüística, busca promover o uso do galego entre a mocidade, incentivar o pensamento crítico e fomentar a diversidade de opinións e a tolerancia, traballando en equipo.

19, Febreiro 2016

O grupo municipal do Partido Popular presentou no rexistro municipal unha moción para tratar no próximo pleno que celebre a corporación na que piden un acordo de rexeitamento a este proxecto industrial que pretende ubicarse no municipio de Maside.

Os populares recordan nesta moción os acordos que no seu dia se adoptaran por parte do concello do Carballiño tanto en contra da incineradora de lixo que se proxectaba no Irixo como a de compostaxe no municipio de Cea, e pide agora o mesmo posicionamento da corporación municipal contra este proxecto no concello de Maside.

Para acceder á moción do Partido Popular prema no arquivo adxunto:

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS