O Concello do Carballiño impulsa un verán máis a Semana Grande para Pequenos, que cada ano reúne a centos de nenos e nenas na Praza da Veracruz. A programación arranca este lúns dia 27 de xullo, a partir das 18,00 horas, e estenderase ata o xoves pola tarde. “Esta proposta dirixida aos máis pequenos completa a amplia oferta cultural e lúdica do Concello do Carballiño durante o verán, da que poden desfrutar persoas de todas as idades”, destaca Manuel Dacal, concelleiro de Turismo.
A Semana Grande comeza este lúns 27 coa Festa da auga, na que a cativada poderá desfrutar de divertidas actividades de auga. O martes levarase a cabo a Festa da escuma, unha das citas máis esperadas polos nenos e nenas. Ademais, os máis pequenos poderán desfrutar dun contacontos.
O mércores haberá unha xincana infantil, formada por diversas probas que unen enxeño e destreza, e tamén actuará Pako Pakolas, o recoñecido compositor e rockeiro infantil galego. O xoves, na última xornada da Semana Grande, haberá una Festa holly.
Todas as actividades se desenvolverán na Praza da Veracruz a partir das 18,00 horas, excepto a Festa holly, que se levará a cabo na explanada do Parque Municipal, xunto á estatua dos Irmáns Prieto.


