O Concello do Carballiño homenaxea a Francisco Valeiras, Xefe da Policía Local durante 30 anos, polo seu traballo “exemplar” contribuíndo á organización e seguridade da Festa do Pulpo

O salón de plenos do Concello do Carballiño acolleu o acto de homenaxe a Francisco Valeiras, Paco, veciño do Carballiño e xefe da Policía Local durante preto de 30 anos. O goberno municipal e o homenaxeado, así como axentes da Guarda Civil, Policía Local, Bombeiros, servizos de emerxencia, familiares e amizades, reuníronse na Casa Consistorial para poñer en valor o esforzo, traballo e tesón de Valeiras.

“Moitas grazas por este recoñecemento aos meus 34 anos na Policía Local, primeiro como axente e despois como xefe”, apuntou Valeiras, quen recordou a “evolución e transformación” do xeito de traballar ao longo da súa traxectoria. Nesta liña, referiuse á aparición de citas multitudinarias, como a Festa do Pulpo, a Semana Santa ou as festas patronais, e ao importante reto que supoñían en materia de seguridade e mobilidade. “A Festa do Pulpo requería un operativo moi grande, con varias patrullas dispoñibles, para coidar que non pasara nada e tamén facer outras intervencións, como asegurarse que as brigadas de limpeza puidesen pasar canto antes para que a vila estivese limpa”, indicou.

“Queremos agradecer o gran labor de Paco durante tantos anos”, resaltou José Castro-Gil, alcalde en funcións do Carballiño. “Desde que entrou no servizo, alá polo 1991, non deixou de traballar pola vida e pola veciñanza, para que O Carballiño fora un municipio tranquilo e seguro”, sinalou Manuel Dacal, concelleiro de Turismo.

O goberno municipal acordou homenaxear nesta 64ª Festa do Pulpo a Valeiras polo seu importante papel en cada edición do evento, especialmente desde 1997, cando ascendeu ao cargo de xefe da Policía Local. “Converteuse nunha peza fundamental para que a Festa do Pulpo fose unha celebración segura, da que desfrutan milleiros de persoas e que supón un reto de seguridade e mobilidade”, salientou Dacal.

Durante o acto, o alcalde en funcións fíxolle entrega dunha placa conmemorativa a Valeiras. “Pero que a Festa do Pulpo sexa unha festa segura non o logrei eu só, é unha cousa de equipo, de todos os axentes, do goberno local, do resto de efectivos”, apuntou.

Compartir en: