17, Outubro 2025

Non existen verbas nin en sánscrito nin en arameo para cualificar esto. O que queda clarísimo tendo en conta o comportamento da xente, é que temos o que merecemos tanto no goberno local como na oposición.

17, Outubro 2025

O Carballiño vén de superar neste mes de outubro a histórica cifra dos 15.000 habitantes no seu padrón municipal, un fito que se acada por primeira vez na historia da vila e do que deu conta esta mañá o alcalde, Francisco Fumega, baixo o lema “Xa somos 15.000”, acompañado polo tenente alcalde, José Castro.

O rexedor destacou que se trata dun feito de gran relevancia non só para O Carballiño, senón tamén para a provincia de Ourense, xa que é a primeira vez que unha vila ourensá supera esta cifra, ademais da capital provincial, que o fixo en 1.900. 125 anos despois, únese a capital do Arenteiro.

“O Carballiño medra, e un pobo que medra é síntoma do músculo económico e social que o fai posible”, puxo en valor o alcalde.

Fumega subliñou tamén que O Carballiño “é hoxe unha excepción dentro da tendencia xeral de perda de poboación en Galicia, especialmente nas zonas de interior e na provincia de Ourense, e que este crecemento demostra que cun modelo municipal diferente —centrado na calidade de vida, o emprego, a cultura, a natureza e a gastronomía— é posible reverter esa tendencia e atraer nova poboación”.

O alcalde lembrou que superar os 15.000 habitantes era un dos obxectivos principais do goberno municipal para o presente mandato, e que se logrou cando só transcorreron dous dos catro anos, grazas en parte á campaña de empadroamento posta en marcha a comezos do mesmo.

Segundo os datos do padrón municipal, o pasado 6 de outubro O Carballiño alcanzou os 15.023 habitantes, mentres que o último dato oficial do INE, de xaneiro de 2024, situaba a poboación en 14.075 persoas. É dicir, case un milleiro máis en pouco máis dun ano.

O Carballiño, unha excepción positiva en Ourense

Ata agora, Ourense era a única provincia galega onde só a capital superaba os 15.000 habitantes. Pola contra, A Coruña conta con 13 localidades, Pontevedra con 15 e Lugo con dúas por riba desa cifra.

“Nun panorama coñecido como é o da Galicia despoboada, O Carballiño conseguiu medrar e facelo, ademais, sendo unha vila do interior. Unha boa nova que fala do dinamismo que ten o concello. Unha poboación repartida no territorio é tamén un modelo máis enriquecedor e xusto”, declarou o alcalde.

O Carballiño convértese así nun caso único e esperanzador, que demostra que o interior galego pode medrar cando se ofrecen oportunidades e unha boa calidade de vida.
O crecemento poboacional non se debe ao saldo vexetativo —que continúa a ser negativo-, senón ao atractivo da vila para vivir e traballar. A maioría das novas altas no padrón corresponden a persoas procedentes de Latinoamérica, o que converte O Carballiño nun referente de integración e convivencia.

A isto súmase o dato de paro máis baixo desde que hai rexistros, actualmente por debaixo do 11%, e a ampliación en marcha do Polígono Industrial, principal motor económico e de emprego da comarca.

Un impulso para seguir medrando

Dende o Concello destácase que o paso da barreira dos 15.000 habitantes é moito máis ca unha cifra simbólica: representa a vitalidade da vila e serve como acicate para seguir mellorando os servizos públicos e consolidar o crecemento.

“Este é un logro polo que felicitarnos pero ten que ser un paso ao futuro para seguir medrando. O Carballiño ten que ser un sitio onde vivir, onde medrar e onde emprender”, declarou o tenente alcalde, José Castro.

Se pechamos o ano con estes datos, poderiamos optar a maiores fondos para todas as obras chave desta vila, como o Centro de Saúde”, engadiu.

O goberno local manterá a campaña de empadroamento e continuará presentando O Carballiño como un lugar ideal para vivir, traballar e desfrutar, cun estilo de vida saudable, unha ampla oferta cultural e un entorno natural e gastronómico privilexiado.

Un salto poboacional para superar a barreira dos 15.000 habitantes que consolida O Carballiño como referencia de dinamismo e progreso no interior de Galicia.

17, Outubro 2025

Fátima Gómez, Sebas Lamazares, Manuel Nogueira e Gonzalo Rodríguez participan nesta Tertulia dos Venres en COPE O Carballiño, correspondente a este dia 17 de outubro.

Repaso comentado ás novas máis destacadas e polémicas dos últimos dias no Carballiño e outros concellos do noso ámbito.
 

Escóitaa aquí:

16, Outubro 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Carballiño, un trámite fundamental que permite avanzar na construción do novo centro de saúde na parcela da actual estación de autobuses, situada na avenida do Balneario.

Esta modificación urbanística, promovida polo Concello do Carballiño e aprobada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, adapta a ordenanza municipal número 9 —equipamentos e dotacións— para habilitar o uso sanitario do terreo. Con este paso, complétase o proceso administrativo necesario para facer realidade unha infraestrutura moi demandada pola veciñanza e que suporá un salto cualitativo na atención sanitaria do municipio e da súa comarca.

O novo centro de saúde (que se construirá onde actualmente está a Estación de Autobuses) duplicará a superficie do actual, pasando dos 1.800 aos 4.500 metros cadrados, e permitirá mellorar de forma notable as condicións asistenciais tanto para os máis de 20.000 pacientes que reciben atención neste centro como para os profesionais que nel traballan. As novas instalacións incorporarán áreas de saúde bucodental e mental, así como salas de críticos e observación no Punto de Atención Continuada (PAC).

O alcalde, Francisco José Fumega, destacou que a publicación no DOG da aprobación definitiva “certifica que o traballo conxunto e a colaboración institucional dan froitos concretos en beneficio da cidadanía”. Fumega subliñou tamén “a importancia deste proxecto para mellorar os servizos públicos e consolidar a vila como referente comarcal na atención sanitaria”.

O Concello do Carballiño foi quen de adaptar o planeamento urbanístico ás necesidades do proxecto, axilizando os trámites e facilitando a cesión da parcela da antiga estación de autobuses, que pasará a ter uso sanitario. Ademais, o plan prevé reservar un espazo libre de 1.000 metros cadrados para aparcadoiro en superficie, atendendo á demanda de prazas vinculadas ao futuro centro de saúde.

Esta actuación é froito da colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia, que asumirá a execución da obra unha vez completados os trámites urbanísticos e de cesión da parcela. “Desde o Concello fixemos o que nos correspondía: poñer o solo a disposición e adaptar o plan. Agora, o seguinte paso será ver como ese traballo se traduce nun centro moderno, funcional e pensado para o futuro da nosa vila. Todo queda pendente de que a Xunta remate a redacción do proxecto e adxudique a súa construción, algo que esperamos se produza o antes posible”, concluíu o rexedor.

Con esta publicación no DOG, O Carballiño dá un paso decisivo para facer realidade unha das infraestruturas máis esperadas pola veciñanza e continúa avanzando na mellora dos servizos públicos e da calidade de vida no municipio.

16, Outubro 2025

O DOGA publica no seu número de hoxe a resolución da Dirección Xeral de Urbanismo pola que se somete a información pública a aprobación do Plan Básico Municipal do concello de San Amaro.

En consecuencia, a partir deste venres dia 17 de outubro todas aquelas persoas que o desexen poderán examinar o documento e presentar aquelas alegacións que consideren oportunas.

Preme no enlace para acceder á resolución:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251016/AnuncioG0765-031025-0...

15, Outubro 2025

O Concello do Carballiño impulsa este domingo o XX Día da Bici en colaboración con +Deporte La Región, ximnasio Korpore e club ciclista Carballiño Sobre Rodas. A actividade, gratuíta, está dirixida a poboación de todas as idades co obxectivo de desfrutar dunha xornada familiar, deportiva e divertida. “Este ano fixemos algúns cambios, temos tres carreiras diferentes por idades, pensadas para os máis pequenos, os rapaces e os adultos”, detallou José Castro, concelleiro de Deportes, na presentación desta mañá.

As tres probas comezan ás 11,30 horas na Praza da Veracruz. A carreira dos máis pequenos realizarase dentro do entorno da Veracruz; a dos rapaces (ou adultos que prefiran un percorrido máis curto) é de 4 kilómetros, con volta polo Parque Municipal, e a máis longa, de 8,5 kilómetros, chega a Mesego e regresa. “Quitamos a subida ao Chamoso e faremos unha volta arredor da Residencia de Tempo Libre”, indicou José Castro.

Rebeca Amil, do ximnasio Korpore, animou á participación da veciñanza, e recordou a importancia dos hábitos de vida saudables. “Intentamos que a poboación teña propostas deportivas variadas, e que se anime a sumarse”, apuntou. Pola súa parte, Lalo Gómez, de +Deporte La Región, puxo en valor a iniciativa do Concello do Carballiño, que alcanza este ano a súa vixésima edición. “La Región súmase a este evento porque compartimos eses obxectivos de vida saudable e de que os nenos manteñan un estilo de vida activo”, explicou.

O Día da Bici incluirá regalos, sorpresas e a animación musical de DJ Tibu. “La Región colabora coas camisetas, que se entregarán a todas as persoas inscritas”, apuntou Lalo Gómez. “Tamén haberá outros regalos para os nenos, como cascos e camisetas do Arenteiro. É un día para pasalo ben en familia”, engadiu José Castro.

O prazo para inscribirse, e recibir así a camiseta de +Deporte La Región, remata este venres, día 17 de outubro, ás 13,00 horas. Porén, a participación é aberta a toda a poboación, basta con presentarse na Praza da Veracruz coa bicicleta.

14, Outubro 2025

O salón de plenos do Concello do Carballiño acolleu a entrega de diplomas dos participantes no Obradoiro de Emprego para persoas mozas Carbomas 2025.

O programa, impulsado pola Xunta e levado a cabo no Carballiño, Maside e Boborás, formou a un total de 16 alumnos e alumnas menores de 30 anos en carpintaría e xardinaría.

“O obxectivo deste obradoiro foi mellorar a empregabilidade dos participantes e impulsar a súa formación ofrecéndolles ferramentas reais para a inclusión no mercado laboral”, detallou Diana González, concelleira de Comercio.

O alumnado recibiu formación teórica e práctica, e levou a cabo diversos traballos de xardinaría e carpintaría nos tres municipios. “Noraboa polo esforzo, dedicación e compromiso”, resaltou González. A edila entregou os diplomas acompañada de Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense; Marta Vázquez, directora territorial da Consellería de Emprego; Rosi Pérez, concelleira de Boborás; Manuel Iglesias, alcalde de Maside, e Manuel Dacal, concelleiro de Turismo e Industria do Carballiño.

“As habilidades que adquiristes axudaranvos a afrontar o voso futuro laboral”, sinalou Manuel Pardo. Pola súa parte, Manuel Dacal puxo en valor o traballo do alumnado e animounos a aproveitar as oportunidades laborais.

Un ano de formación e prácticas

O Obradoiro de Emprego finalizou hoxe despois dun ano de formación combinada con prácticas. “Realizaron distintas actividades laborais nos tres concellos.

No Carbaliño, rehabilitouse o paseo da Toscaña e creouse o xardín aromático da Piscifactoría, onde ademais da plantación de novas especies, colocouse un reloxo solar”, detalla David Lozano, director do Obradoiro.

En Maside, realizáronse traballos de carpintaría e xardinaría no Pozo do Lago e tamén se arranxaron todos os xardines da zona da piscina municipal. Por último, en Boborás realizouse un parque infantil para desfrute dos máis pequenos.

14, Outubro 2025

A promotora de "Mina Doade" Recursos Minerais de Galicia S.A., trasladou o seu domicilio fiscal a Galicia e abrirá unha oficina na localidade, asi o confirmou en COPE O Carballiño o alcalde de Beariz, Manuel Prado.

 A nova sede estará situada na Avenida de Merelles  de Beariz, e servirá tanto como espazo de traballo para os profesionais como punto de atención ao público. "Este traslado supón un primeiro paso para que o proxecto xere ingresos de maneira permanente na administración local", destacan desde a empresa.

Ata o de agora, a compañía tiña o seu domicilio fiscal en Zaragoza, agora con este cámbio este cambio, Beariz convértese no centro administrativo do proxecto. O alcalde bearicense avanzou que a empresa xa tramitou ante o concello a licenza de apertura da que será esta oficina de atención e información ao públíco en xeral.

Estado do proxecto

O 17 de xaneiro de 2025, Recursos Minerais de Galicia presentou #ante a Consellería de Economía e Industria a solicitude de concesión de explotación de Mina Doade. Actualmente, a tramitación segue o seu curso dentro dos prazos legais establecidos.

En marzo de 2025, a Comisión Europea incluíu a Mina Doade na listaxe de Proxectos Estratéxicos do Regulamento de Materias Primas Críticas da Unión Europea, o que subliña a súa relevancia como iniciativa de interese público.

13, Outubro 2025

No pleno extraordinario e urxente celebrado hoxe, 13 de outubro, o grupo municipal do BNG de Cenlle solicitou oficialmente a creación dunha comisión de investigación para esclarecer a xestión da auga e determinar as responsabilidades políticas derivadas da débeda e sancións impostas a causa da neglixencia dos gobernos municipais do Partido Popular.

Segundo denunciou o BNG, o Concello de Cenlle foi sancionado por Augas de Galiza con máis de 236.000 euros despois do Concello aportar hoxe mais datos vemos que esta cifra vai incrementarse podendo pasar dos 300.000€ debido a que, desde o ano 2018, non ingresou o canon da auga recadado á veciñanza, malia figurar cobrado nos recibos.

O boletín informativo municipal xa recolle que a débeda real supera incluso esa cifra, acumulando xuros de demora e recargas que agora o actual goberno do PP pretende repercutir nos fogares do municipio. O portavoz nacionalista, Xosé Gabriel Alberte, subliñou que “non pode ser que tres alcaldes distintos do PP durante sete anos deixasen sen pagar o canon e que agora ninguén saiba onde foron parar os cartos que saíron dos petos da veciñanza”.

Por este motivo, o BNG considera imprescindíbel abrir unha investigación política, independentemente da vía xudicial aberta, para aclarar as posibles vinculacións e responsabilidades directas dentro do Partido Popular de Cenlle.

O BNG advirte que non abonda con depurar responsabilidades administrativas ou xudiciais: tamén é necesario asumir responsabilidades políticas, pois non é críbel que o equipo de goberno “non se enterase de nada” mentres se acumulaban débedas e sancións de tal magnitude.

“A cidadanía de Cenlle merece transparencia, verdade e reparación, non silencio nin escusas”, insistiu Alberte. O grupo nacionalista lembra que leva tempo advertindo da mala xestión do PP, que agora se traduce nun incremento do 5 % no recibo da auga e nunha carga adicional de 162 euros por fogar para facer fronte á multa. O BNG reitera que estes custes non deben recaer sobre a veciñanza, senón sobre quen provocou esta situación.

Finalmente, o BNG insta ao goberno local a:

 Facer pública toda a documentación económica e contable relativa á recadación do canon da auga desde 2018.

 Colaborar coa investigación penal e coa comisión política para esclarecer os feitos.

 Garantir que non se repercutan na veciñanza nin xuros nin recargas derivadas da súa propia neglixencia.

“Non é só un problema económico: é unha cuestión ética e democrática. A xente de Cenlle merece saber onde foron parar os cartos que pagou”, concluíu o portavoz nacionalista.

13, Outubro 2025

Falou hoxe o tertuliano Nogueira do problema da auga e a sua gestion que afecta a moitos pueblos e aldeas e do que hai pouca información por parte das administracións.
Os concellos deberian dar mais informacion e charlas  como a auga, a contribución ou os impostos do lixo para que a xente estuvesemos ao dia. Non solo dar explicacions (e poucas) cando nos toca pagar.
Ben por Nogueira por poñer algo de luz e datos sobre as traidas vecinales da auga.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS