16, Novembro 2025

EN RESPOSTA AO CAN DO IRIXO E AO SEU RÉXIME ANTIAÉREO”**

Ao pobo do Irixo,
ás autoridades competentes e incompetentes,
e ao can sanguinario que se fai chamar “Executor Aéreo”:

Nós, As Primas Moscas Helicóptero do Clan Zzzz-47, reunidas en enxame extraordinario no faiado dunha casa abandonada, redactamos o seguinte comunicado para deixar clara a nosa postura ante a morte da nosa parente e compañeira de zumbido.

1. Sobre a caída da nosa irmá

A mosca finada —que chamaremos A Mártir do Mosquido— non morreu por casualidade.
Morreu vítima dun acto de violencia canina premeditado, executado cunha precisión inusual para un animal que normalmente confunde a súa cola cun inimigo invisible.

Non imos esquecer.
Non imos perdoar.
E non imos deixar de zumbir ata que alguén perda a cabeza (literalmente non, porque non sabemos como arrincar cabezas, pero entendédesme).

2. Declaración de Operación: Vinganza Zzz-infinito

A partir desta noite, declárase oficialmente o inicio da Operación Vinganza Zzz-Infinito, cuxos obxectivos principais son:

  • Sobrevoar enriba da cabeza do can cada vez que tente durmir.
  • Aterrar nas súas patas cando estean molladas para deixarlle sensación de noxo existencial.
  • Poñerse na súa comida durante 0,4 segundos, o xusto para que o humano sospeite pero non estea seguro.
  • Zumbirlle ao oído ata que cuestione todas as súas decisións vitais.

Non buscamos a violencia física.
Buscamos algo peor:
desesperación psicolóxica e cansazo extremo.

3. Sobre a alcaldesa

As Primas Moscas Helicóptero agradecen as palabras da alcaldesa e informan de que, en sinal de respecto institucional, non entrarán na Casa do Concello… salvo que atopemos unha ventá aberta.
Nese caso, entenderase como invitación oficial.

4. Sobre o equilibrio ecolóxico

O can presume de manter o equilibrio ecolóxico.
Mentira!
Nós somos as verdadeiras arquitectas do caos controlado.
Sen moscas, a vida sería perfectamente tranquila, organizada e aburrida.
E iso non o podemos permitir.

5. Ultimato

Dámoslle ao can un prazo de 48 horas para emitir unha desculpa pública, preferiblemente con orellas baixas, mirada triste e un suspiro dramático.

De non facelo, activaremos a Fase 2: Zumbido Coordinado, que consiste basicamente en poñernos todas a voar ao mesmo tempo dentro da mesma habitación.
O caos será indescriptible.
A destrución mental, irreversible.
A convivencia, imposible.

6. Declaración Final

Nós, as Primas Moscas Helicóptero, non somos só insectos.
Somos un concepto.
Unha ideoloxía.
Un ruído incómodo que non podes ignorar.

E dende este momento,
somos o pesadelo oficial do Can do Irixo.

Asinado,
Primas Moscas Helicóptero do Clan Zzzz-47
Soldadas do Aire, Enxame do Medo e Rainhas do Caos Doméstico

15, Novembro 2025

SOBRE A CRISE INTERESPECIES ENTRE CAN E MOSCA

O Concello do Irixo, a través da súa abadesa, quere facer público o seguinte:

Dende hai uns días asistimos cunha mestura de sorpresa, preocupación e vergonza allea á escalada de tensión entre un can doméstico do municipio e unha mosca finada que, segundo fontes paranormais, segue enviando mensaxes dende o máis alá. Este Concello non pode mirar para outro lado mentres unha guerra fría —e ás veces quente— se libra entre salóns, cociñas e ventás abertas.

1. Sobre o can

O Concello recoñece o talento do can como “Defensor Aéreo”, pero lembra que a Constitución Doméstica prohibe realizar execucións sumarias de moscas sen previo aviso. Aínda que, sendo sinceras, a ninguén lle cae mal que elimine algunha. Pero hai límites.

Solicítaselle ao can que, a partir de agora, antes de saltar coma un ninja pasado de voltios, faga polo menos un ladrido administrativo para deixar constancia.

2. Sobre a mosca do máis alá

Este Concello lémbralle á mosca que, aínda morta, segue rexida pola normativa municipal de ruídos.
O artigo 4.2, apartado Z, especifica claramente:
“Prohíbese zumbir dende ultratumba sen permiso previo.”

A mosca xa tiña dúas sancións en vida. Non imos abrir agora un expediente póstumo, pero estamos pensando niso.

3. Sobre as primas helicóptero

Infórmase á cidadanía que, segundo informes do departamento entomolóxico, un enxame de moscas tamaño Black Hawk podería estar de camiño ao Irixo.
Recoméndase pechar ventás, tapar tixolas e evitar comentar o asunto en alto, non vaia ser que nos escoiten.

O Concello habilitou un Punto de Atención a Crises Aéreas na porta da Casa do Concello, xusto ao lado do cartel que leva catro anos pedindo reparación.

4. Sobre a convivencia

A alcaldesa lembra que o Irixo é un lugar de paz, orde e certa tendencia ao drama innecesario.
E tal como dicta a tradición local:
“Cada un que mate o que queira, pero sen montar espectáculo.”

Solicítase ás partes implicadas —can, mosca morta, moscas vivas e demais fauna— que intenten resolver as súas diferenzas sen converter isto nunha telenovela interdimensional.

5. Advertencia final

Se isto continúa, o Concello verase obrigado a convocar unha mesa de diálogo formada por:

  • O can
  • A mosca (con ou sen corpo)
  • A persoa propietaria do can
  • E un humano random que pase por alí e teña cara de non ter nada que facer

Non se descarta acudir tamén ao párroco, porque a cousa xa vai por camiños espirituais.

Asinado:
A Abadesa do Irixo
Testemuña involuntaria desta comedia, pero cobrando menos do que debería para aguantar isto.

15, Novembro 2025

Eu, o Can do Irixo, tamén coñecido como Executor Aéreo, Peludo Supremo e A Alarmiña dos Bichos, véxome obrigado a emitir esta declaración tras ler as calumnias escupidas —ou mellor dito, zumbadas— pola mosca finada que, polo visto, dende o máis alá segue a dar por saco.

1. Sobre a suposta “masacre”

Querida mosca defunta, chámalo masacre. Eu chámoo autorregulación ambiental.
Que querías, que che puxera unha alfombra vermella para aterrar na miña orella ás tres da mañá?
O meu territorio é sagrado.
E eu non tolero terrorismo acústico nocturno.

2. Sobre a miña suposta falta de honra

Hai que ter cara, mosca.
Ti, que che alimentabas de migallas, paredes sospeitosas e xanelas manchadas, dicindo que eu non teño honra.
Eu polo menos non ando restregándome por cousas que a miña humana limpa a diario.

Honra?
Eu teño máis honra no rabo ca ti en todo o teu ciclo vital.

3. Sobre a túa morte “humillante”

Mira…
Se querías unha morte épica poderías ter ido ao parabrisas dun coche indo cara Ourense.
Pero non: aterraste na miña casa.
E na miña casa, as leis son claras:
Todo o que zumban, paga.

Non é humillante morrer perseguida por min.
Humillante é o teu legado:
Converterse nunha anécdota ridícula contada por outras moscas aburridas do máis alá.

4. Sobre as túas primas helicóptero

Xa oín falar das túas primas.
As gordas esas que voan coma drones sen batería.
Dilles que veñan.
Dilles que as espero.
Que xa estou facendo estiramentos.
Que xa estou afiado, motivado e con tempo libre.
E que non teño medo.

Que me traian guerra.
Eu póñolles a cama.

5. Sobre o equilibrio ecolóxico

Non sei se no máis alá vos explicaron isto, pero no Irixo o equilibrio ecolóxico non o manteñen as moscas nin as persoas.
O manteño eu.
Eu e só eu.
Porque se non fora por min, esta casa sería agora unha comuna aérea de insectos.

6. Mensaxe final á mosca morta

Descansa en paz, se podes.
E se non podes, mellor.
Cando queiras, mándame outra carta dende o máis alá.
Prometo ignorala, e se volves reencarnada… pois xa sabes como remata isto.

Atentamente,
O Can do Irixo
Patrón dos Pequenos Xenocidios Domésticos
Protector contra seres con ás e mal carácter
E Lexítimo Rei da Cociña

15, Novembro 2025

O Concello do Carballiño vén de recibir un recoñecemento polas súas accións na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá.

A concelleira de Benestar Comunitario, Rosa Fuentes, recolleu en Carballo o diploma de honra do programa Vilas en Flor, impulsado pola Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor), a Asociación de Empresas de Xardinaría de Galicia (Agaexar) e a Fundación Juana de Vega.

A concelleira dá conta do orgullo de recoller este galardón, que este ano premiou con tres flores de honra -unha máis que na pasada edición-, o traballo da súa concellería.

“É un premio que pon en valor o traballo levado a cabo neste último ano nos espazos verdes da vila”, asegura. Neste sentido, comprométese a seguir traballando para facer do Carballiño un lugar verde, sostible e agradable para a veciñanza.

15, Novembro 2025

Son un veciño do Irixo. Gran pobo, que pena da política que temos.
Isto é unha vergoña: se vos deixarades de sandeces e fixerades algo polos veciños e polo noso pobo, todo iría moito mellor.

Sobre Manuel Cerdeira

Como político, mal; moi mal. E como persoa...
Foi unha persoa á que lle deixaron o camiño feito e non o soubo aproveitar. Que pena.

Non gañou el as eleccións, que non se equivoque: gañou o P.P. Xa se viu nos resultados. Tivo a maioría dos votos, si, é certo, pero sei con certeza que foi polo seu partido, non por el.
E el sábeo, e o seu partido tamén. Se non, iría de candidato outra vez… pero NON: xa hai outro nomeado.

Sobre Susana Iglesia

Como persoa, grande, moi grande. Tería que falar menos nalgúns sitios e falar máis noutros, como nos xulgados, porque igual calaría moitas bocas. Estou case convencido.

É unha persoa que mira polo pobo; é do Irixo 100%.
(Aínda que eu falo como veciño e de política non entendo moito.) Ten cousas que aprender, como calquera, e creo que o conseguiría con algo de tempo, pero algúns estiveron máis espabilados e fixéronlle a cama axiña. Non lle deron tempo a demostrar nada.

Sobre Rosa Dalama

Boa muller como veciña. Pero o posto non lle queda grande… quédalle inmenso.
Quere chegar a todo e non chega a nada. Como se soe dicir (sen querer faltarlle ao respecto), é unha marioneta no poder.

Foi, para dous cabecillas, a persoa perfecta para poñer no cargo e destruíla politicamente, persoalmente e, de paso, acabar coa súa maior oponente.
¿Para que? Sabrano eles: tanto Lito como Yago algún interese terán. O primeiro, seguro que económico.
E o outro, por orgullo propio: que che desbanque unha recén chegada así debe doer, é normal.

Para o futuro

Oxalá cheguen pronto as eleccións e, desta vez, veña alguén que queira gobernar ben e que o deixe claro.

No Irixo fanse necesarias moitas cousas. Xente boa temos; agora só falta que se fagan cousas e ben feitas: para os nosos maiores, para os nosos nenos e para os nosos pobos, que deixan moito que desexar.

15, Novembro 2025

En relación ao documento anteriormente difundido, titulado “Crónica Negra do Can do Irixo e a Mosca Condenada”, vexo oportuno emitir esta resposta oficial, non para desmentir nada —porque, sinceramente, quen lle discute nada a un can con instintos homicidas?— senón para aportar perspectiva, equilibrio e un pouco de sentido do humor, porque o que é sentido común, xa non queda.

En primeiro lugar, quero deixar claro que a mosca non era inocente. Segundo fontes non contrastadas pero moi fiables (o meu propio cabreo), levaba dous días intentando aterrar na miña orella ás tres da mañá, cousa que no Irixo é considerado acto hostil de alto nivel. Polo tanto, a súa desaparición non pode considerarse un crime, senón unha obra social.

Tamén debo corrixir a idea de que o can actuou como un “xeneralísimo”.

Por favor.

Ese can ten menos honra que unha lambetada nun cacho de chourizo esquecido.

Non é un “Executor Aéreo”:

é un mamífero aburrido que, ao non ter traballo nin responsabilidades fiscais, decidiu converterme no seu pasatempo homicida.

3. A miña morte non foi digna.

Mentira.

Falei con moscas de toda Galicia aquí no máis alá, e todas coinciden en que morrer así —en pleno voo, perseguida por un can que fai máis ruído ca unha porta vella— non é heroico, nin épico, nin digno:

é humillante.

Non houbo música dramática.

Non houbo discurso final.

Só un PAM e despois… negro.

Agora estou aquí, no Val das Moscas Caídas, onde cada un conta a súa historia e rimos de como nos mataron:

Unha colleu unha zapatilla humana.

Outra morreu esmagada contra un cristal limpo (comedia pura).

Eu…

Pois eu caín a mans dun can con delirio de grandeza.

Tócame aguantar as bromas das demais, claro.

4. Vinganza?

Non son rencorosa…

Pero digamos que xa avisei ás miñas primas.

E as miñas primas non son moscas calquera.

Son as gordas de verán, as que parecen helicópteros militares.

As que rebotan na parede e seguen vivas.

As que pousan na túa comida e miran fixo coma quen di:

“Que pasa? Vai haber problema?”

Evanxelizadas pola miña historia, marcharon cara ao Irixo.

E levan unha mensaxe:

Non se trata de vinganza.

Trátase de equilibrio ecolóxico.

Xa veredes.

Asinado,

A Mosca Morta, pero moi viva na memoria das que virán

14, Novembro 2025

Gracias señores de xúntos y señores del PSOE gracias a ustedes tenemos otra vez un 

Penedo con un pie en el ayuntamiento y sin nunca hacer méritos de nada sólo  ser sobrino

De don Manuel 

Noraboa señor penedo! 

Demóstre  que esta usted preparado y pongale ganas que muchas non se nota que ten 

14, Novembro 2025

A túa análise é impecable. O Irixo non está así pola acción de quen leva meses, senón pola inacción acumulada durante décadas. Por iso é importante deixar claro que a responsabilidade non é nin dos que hoxe tiveron que herdar este legado de abandono, nin tampouco dos outros “herdeiros” —os que veñen de liñas políticas que coñecen moi ben como se foi construíndo esta desfeita ao longo de tantos anos—. A situación actual non apareceu da noite para a mañá: é froito dun modo de gobernar que deixou obras a medias, servizos básicos sen garantir e oportunidades perdidas ata o infinito.

Cando se compara O Irixo cos concellos veciños, a realidade cae polo seu propio peso: pavillóns tardíos e mal feitos, un campo de fútbol de lama mentres outros xa van polo segundo sintético, ausencia de auditorio, piscina, transporte, estradas dignas… Nada diso é responsabilidade de quen acaba de chegar, senón de quen tivo décadas para facelo e non o fixo.

Agora, mentres algúns xa falan do 2027, o que fai falta é rigor, traballo e compromiso real. Menos ruído e menos distraccións, e máis asumir que non se pode pedir en meses o que non se fixo en medio século. O Irixo merece por fin avanzar, e iso só será posible se deixamos atrás tanto atraso acumulado e permitimos que quen hoxe ten vontade de traballar o faga sen cargas nin sombras doutros tempos.

14, Novembro 2025

Escoita aquí o PODCAST da Tertulia de COPE O Carbaliño deste venres 14 de novembro, coa participación de Fátima Gómez, José Antonio Barge, Sebas Lamazares, Manuel Nogueira e Gonzalo Rodríguez.

Presenta e modera Xan Pinal:

14, Novembro 2025

   Estes días volve estar O IRIXO en toda las salsas. Coma sempre por chorradas. Nunca por cousas de interese. Todo moi zoolóxico. Raposos, xinetas, garduñas, cans e moscas. Penoso.

    O IRIXO leva cincuenta anos chegando tarde dez. Comparemos. O pavillón de deportes, dez anos tarde e mal feito. O campo de fútbol. Maside, Cea, San Amaro van polo segundo campo sintético. Os xogadores do IRIXO seguen pisando lama. O auditorio en Boboràs ou en Cea. A piscina en todos os concellos. E así poderíamos citar mil cousas. Culpables, ninguén claro. A culpa é orfa, viúva e non a coñece ninguén.

   Todas as enerxías que se pierden en babecadas se se puxeran en unirse para traballar en pos dos vecinos, outro galo cantaría. O presi da Deputación disque andivo onte polo IRIXO. Nunca viñera. Os da Xunta menos. Van a Boboràs ou a Cea.

    Agora de sutaque están todos falando do 2027. E mentras tanto, noite pecha. Nin campo de fútbol, nin estradas, nin auga, nin transporte, nin internet... E cando tal, nin xente.

    Compromisos e menos insultos. Temos a poboación embellecida. Para cando Unha residencia, un centro de día que permita quedar no IRIXO? Para cando un transporte público? Para cando o arranxo da estrada Carballiño-Lalin? Para cando un Centro de Saúde en condicións? Un local de cultura? Un auditorio? Un campo de fútbol sintético? Arranxo integral das rúas das aldeas? Unha piscina? Unha Praia fluvial? O arranxo do río? As traídas de auga? As estradas? Vivenda? PXOM? ... E así ata o infinito e máis alá.

 

   

 

 

 

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS