En relación ao documento anteriormente difundido, titulado “Crónica Negra do Can do Irixo e a Mosca Condenada”, vexo oportuno emitir esta resposta oficial, non para desmentir nada —porque, sinceramente, quen lle discute nada a un can con instintos homicidas?— senón para aportar perspectiva, equilibrio e un pouco de sentido do humor, porque o que é sentido común, xa non queda.
En primeiro lugar, quero deixar claro que a mosca non era inocente. Segundo fontes non contrastadas pero moi fiables (o meu propio cabreo), levaba dous días intentando aterrar na miña orella ás tres da mañá, cousa que no Irixo é considerado acto hostil de alto nivel. Polo tanto, a súa desaparición non pode considerarse un crime, senón unha obra social.
Tamén debo corrixir a idea de que o can actuou como un “xeneralísimo”.
Por favor.
Ese can non manda nin sobre o seu propio cu cando decide perseguir a cola ata marearse. A súa carreira criminal non é máis ca unha lista de incidentes domésticos con resultado aleatorio. Iso si: cando se trata de moscas, convértese nun sicario profesional. Coherencia pouca, eficacia moita.
Con respecto ao Título Honorífico, xa revisei o BOE do Irixo (un papel en branco co café derramado encima) e certifico que efectivamente o pode levar… sempre e cando non o use para xustificar novos “axustes de contas” contra mosquitos, mariposillas ou calquera outro ser que simplemente pase por alí.
O máis preocupante deste asunto é que, dende o suceso, o can camiña pola casa coa mesma chulería que un político despois de inaugurar unha rotonda sen coches. Mira para min coma quen espera que lle faga unha estatua na praza, ou polo menos unha placa conmemorativa no comedor.
E para rematar, quero informar de que o Irixo segue en calma. A cidadanía (eu) non teme unha escalada de violencia aérea, pero recoméndase ás moscas sobrevivintes que eviten aproximarse á zona crítica situada entre a ventá da cociña e o cu do can. Zona altamente perigosa. Zona cero. Zona fin.
Atentamente,
Testemuña ocular, vítima potencial e humana en servizo do can do Irixo.

O Partido Popular do Irixo vén de iniciar unha nova etapa aprobando a constitución dunha xestora local e propoñendo a Álvaro Penedo para a presidencia. Os militantes populares adoptaron esta decisión no transcurso dunha reunión á que tamén asistiu o presidente provincial, Luis Menor, e a secretaria xeral, Sandra Quintas.
A posta en marcha desta xestora, que deberá ser ratificada pola Xunta Directiva provincial, ten como principal obxectivo impulsar o traballo político e de organización da agrupación local, de cara ás eleccións municipais de 2027.
Luis Menor puxo en valor a decisión da militancia pois supón, asegurou, “que os populares do Irixo queren recuperar a actividade e a presenza do partido na vida local”. Un paso esencial, dixo, “para ter de novo a histórica maioría que sempre tivo o PP neste concello”.
O presidente provincial tamén valorou a proximidade á política local do candidato á presidencia da xestora, na súa condición de familiar do que fora alcalde durante tres décadas, Manuel Penedo, falecido en agosto de 2019 e nomeado Fillo Predilecto do Irixo a título póstumo en 2021.
Pola súa banda e tras aceptar a súa proposta para a presidencia da xestora, Álvaro Penedo afirmou que asumía esta responsabilidade con “ilusión e forza”, coa esperanza de preparar o partido nas mellores condicións para afrontar próximas citas electorais.
Na reunión, tanto os militantes como a dirección provincial lembraron e agradeceron o traballo realizado polos antecesores nas responsabilidades orgánicas da agrupación local do Irixo.
No Irixo, ese lugar tranquilo onde nunca pasa nada… ata que pasa, o meu can decidiu hoxe converter a casa nunha escena do crime digno dun capítulo cutre de “Mentes Criminais”. A vítima? Unha mosca local, pobre desgraciada, que só tivera a mala idea de sobrevoar o territorio equivocado.
Alí estaba o meu can, tumbado no sofá coma un capo retirado, cando a mosca apareceu facendo ruído de hélice coma se estivese anunciando a súa propia sentenza. O can ergueu a cabeza con esa lentitude propia dos que xa saben que hoxe van facer historia. Ou polo menos limpeza.
A mosca, inocente, confiada, facendo zigzag no aire, coma quen non teme porque non sabe quen manda. Pero no Irixo sempre hai alguén que manda, e hoxe tocoulle ao meu can:
o Xeneralísimo Anti-Moscas, o Can do Caos, o Executor de Alados Inofensivos.
Saltou. Sen aviso. Sen remorsos. Sen protocolo municipal.
O que fixo co chan ao aterrar non se lle chama derrapar: chámase redecoración violenta.
E en medio dun silencio tráxico-cómico, pam, fin da mosca.
Unha vida menos no ecosistema doméstico. Unha máis no CV criminal do can.
O meu can miroume cunha expresión que dicía claramente:
“Non é un asasinato se non deixo testemuñas”.
E eu, vendo aquela escena digna dun documental sinistro patrocinado polo Concello, pensei:
Ben, isto merece un título. Por saúde mental, polo menos.
TÍTULO HONORÍFICO OFICIAL
“Defensor Aéreo do Irixo, Executor de Moscas Irreverentes e Alto Comisario da Orde Doméstica”
O can aceptou o título con total naturalidade, como quen acepta que o destino lle deu unha misión escura. Marchou á súa cama cunha dignidade que daba medo, coma un mafioso que se retira despois dun traballo ben feito.
E así quedou o Irixo, silencioso, seguro e cunha mosca menos para contar.
Ata que outra teña a ousadía de entrar pola ventá.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, clausurou hoxe a entrega dos Premios do Comercio Galego 2025 nun acto no que se aproveitou para presentar en sociedade a nova imaxe do Comercio Galego, coincidindo ademais co arranque dunha nova campaña autonómica para darlle un pulo ao sector. González cualificou a cita —na que tamén estiveron a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez— como unha oportunidade idónea para visibilizar un sector clave para a economía galega, caracterizado pola súa riqueza e diversidade ao servizo da cidadanía e en beneficio da dinamización das cidades e vilas, con especial fincapé no rural.
Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor o bo facer dos negocios recoñecidos cos Premios do Comercio Galego 2025. Así, das compostelás Creativas Galegas (Premio Comercio Galego), destacou o seu Mercado Galego da Creatividade, por promover o traballo artesán cooperativo mostrando as pezas de máis de 300 profesionais. Mentres, da lucense Panadería Pallares (Premio Comercio Traxectoria) salientou que teña a quinta xeración familiar ao cargo e que soubera modernizarse co paso do tempo con iniciativas como un museo etnográfico do pan.
Sobre o Premio Comercio Emprende, valorou que Amoras da eprendora masidá Ana Rodríguez —tras coller o testemuño dunha froitaría— teña tres tendas abertas no Carballiño e Maside e se distinga por proxectos orixinais como un fruit track ou arranxos de froitas para eventos.
En canto ao Premio Comercio Dinamización, felicitou a Viveiro Centro Comercial Histórico pola súa campaña Escolle o teu empregado do mes, pola orixinalidade e acerto de recoñecer —dixo— a todas aquelas persoas que están en contacto directo coa clientela e, por último, louvou que Arroupa vexa recoñecida co Premio Comercio Sostible a súa aposta pola inserción laboral a través da transformación de roupa usada.
O titular de Comercio resaltou as achegas de todos e cada un dos premiados e finalistas a un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas das persoas consumidoras. Animounos a seguir por esa senda co apoio da Xunta para que se estenda o seu exemplo e se siga xerando riqueza e emprego, ademais de vertebrando o territorio e fixando poboación.
Nova imaxe do Comercio Galego
Visto o artigo que sólo acusa a Susana, como veciño do Irixo non sei se rir ou chorar, porque a quen o escribiu sólo lle faltaba firmalo, porque ben parviño hai que ser para non saber quen está detrás...
Eu non sei que vos fixo esta muller os do PSOE que hasta vistes bo firmar acordo co cobarde do anterior alcalde... fai tempo que non leera palabras con tanta envidia, pero claro que a xente che queira ben non se gana nun despacho, nin falando mal da xente, nin discutindo e e berrándolle os veciños, e menos ainda facendo que os veciños teñan que ir os periódicos denunciar, ou que cando se entre pola porta do ayuntamiento se oigan berros.
Non sei que pretendedes facer ver... porque todos sabemos o que se fixo antes ou despois, E por desgracia tamen nos enteramos de cartos que se deixan ir, ou que se tiran o tolo e despois se acusa os demais.
Igual que pensades que sodes mellores por querer xogar a ser xefas sólo con berros e gritos e sin falar coa xente, e por non ir a un bar... que manda collos, que a estas alturas se lle recrimine a alguen si está moito ou pouco no bar. Eravos ben mellor facer o voso e deixarse de preocuparse por o que fan os demais.
Po último ten moitos, pero moitos moitos huevos, que vendades a puñetera obra da Alemparte como gran obra, o primeiro que fixo a señora alcaldesa o chegar foi mandar desbriozar onda a súa casa e en terrenos privados, e eso sabémolo todos. E resulta que a carreteriña da alamparte está o lado da casiña da segunda esa que está no concello porque pensa que manda moito... esa si que é xineta, raposo e canto poida existir... pero falar fala coma un teixugo...
veña, traballade algo e olvidadevos algo do que fai ou deixar de facer Susana. Ou é que vos preocupa moito que resulta que ainda non fostes capaces de facer mais que unha obra???
I. Condena dos ataques persoais.
XUNTOS POLO IRIXO condena de maneira rotunda os insultos, insinuacións e descalificacións persoais vertidas contra Susana María Iglesias. O texto difundido baixo o título “O raposo, a xineta e o teatro de Susana” constitúe un ataque ad hominem intolerable, alleo ao debate político leal e á crítica amparada pola liberdade de expresión. A honra, a reputación e a dignidade dunha muller non son moeda de cambio nin escusa para o insulto.
II. Mentiras, insinuacións e difamación.
As expresións publicadas —que a presentan como manipuladora, vaga, mentireira, que “pasa horas no bar”, que cobra dietas indebidamente, que beneficia intereses persoais con obras públicas, ou que promove favores a cargo de fondos municipais— son falsas, gravemente inxuriosas e difamatorias.
• Recalcamos que toda a actividade institucional de Susana Iglesias se desenvolveu con suxeición á legalidade vixente e aos procedementos administrativos.
• Denunciamos a utilización de bulos, insinuacións e frases efectistas para fabricar un relato degradante que non achega un só dato verificable nin documento que o avale.
• Advertimos de que ligar o nome de Susana Iglesias con prácticas ilícitas ou inmorais sen probas é unha vulneración frontal do seu dereito á honra.
III. Chamada á responsabilidade pública
Nunha democracia local, os proxectos, as contas e as obras discútese con datos: memorias, orzamentos, licitacións e fiscalización. O insulto e a difamación non son política: son barro. Esiximos elevar o nivel do debate ao que merece a veciñanza do Irixo: respecto, veracidade e transparencia.
IV. Exixencia de rectificación inmediata
Ao abeiro da Lei Orgánica 2/1984, do dereito de rectificación, intimamos aos autores e a quen difundise o escrito a:
1. Retirar de forma inmediata o contido difamatorio de todos os soportes nos que se publicase ou compartise.
2. Publicar unha rectificación clara e de igual relevancia, no prazo máximo de 48 horas, recoñecendo o carácter inveraz e ofensivo das afirmacións persoais vertidas contra Susana Iglesias.
3. Absterse sobre novas publicacións que lesionen a súa honra, imaxe ou vida privada.
V. Reserva expresa de accións legais
Esta parte resérvase o exercicio de cantas accións correspondan en defensa da honra, reputación e imaxe de Susana Iglesias, incluíndo:
• Accións civís ao abeiro da Lei Orgánica 1/1982 de protección do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.
• Accións penais por inxurias e calumnias, cando proceda.
• Accións complementarias en materia de protección de datos e comunicacións ilícitas, se se chega a identificar tratamento ou difusión indebida de información persoal.
VI. Conservación de probas
Notifícase que se procederá á preservación e acta notarial das publicacións, comentarios, mensaxes e reenvíos dixitais relacionados, incluídos metadatos e historial de edición, co fin de asegurar a cadea de custodia probatoria.
VII. Compromiso coa veciñanza e coa verdade
Susana Iglesias seguirá traballando con serenidade e dedicación polos intereses dos veciños e veciñas do Irixo. Nin o ruído, nin a lama desviarán ese compromiso. Ás mentiras respóndese con feitos; aos insultos, co Dereito.

O Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga proxectará un total de 32 curtametraxes de 22 nacionalidades entre o 19 e o 23 de novembro no Auditorio Manuel María do Carballiño. A programación, presentada esta mañá no salón de plenos do Concello, inclúe a estrea de 18 curtas internacionais e 4 en España, ademais da estrea mundial de “As maos da pulpeira” de Silvia Cachafeiro, que inaugurará o festival o día 19.
Diego Fernández, concelleiro de Cultura, puxo en valor a selección de filmes desta segunda edición do novo formato do festival, impulsado polos irmáns Mario e Daniel Fernández Filloy. “O ano pasado foi unha experiencia moi positiva, polo que desde o Concello tratamos que este ano se consolide o novo formato e a veciñanza se achegue a coñecer e desfrutar das curtas seleccionadas”, apuntou o edil, quen agradeceu o esforzo e traballo dos dous directores artísticos.
Curtas chegadas desde os festivais de Cannes, Berlín ou Toronto
A programación do festival arranca o propio día 19 cunha proxección matutina, previa á inauguración. “Trátase do filme “Fallen Angels” (1995) de Wong Kar-Wai, na súa versión remasterizada en 4K”, apuntou Mario Fernández Filloy. Xa pola tarde, ás 20,30 horas, terá lugar a inauguración coa estrea mundial da curta “As maos da pulpeira” de Silvia Cachafeiro, rodada no Carballiño e protagonizada por veciñas pulpeiras. “A partires do xoves 20 ata o sábado 22, terá lugar a proxección dos filmes a competición, divididas durante os tres días en tres bloques de aproximadamente unha hora de duración: ás 17,30, ás 19,00 e ás 20,30 horas”, detallou. Os visionados, de balde, levaranse a cabo no Auditorio Manuel María.
O festival conta cunha variada selección de curtametraxes internacionais e nacionais, na que se inclúen pezas proxectadas en certames de renome como o Festival de Cannes, o de Berlín ou o de Toronto. Entre elas, destaca “The man who could not remain silent”, de Nebojša Slijepčević, curta gañadora do Festival de Cannes de 2024.
As curtas da Sección Oficial Internacional (curtametraxes de todo o mundo que compiten polo premio Xentes e onde tamén se atopan as catro curtas galegas participantes) dividiranse en sete bloques, repartidos do seguinte xeito: Xentes 1 (xoves ás 17,30 horas), Xentes 2 (xoves ás 20,30 horas), Xentes 3 (venres ás 17,30 horas), Xentes 4 (venres ás 20,30 horas), Xentes 5 (sábado ás 17,30 horas), Xentes 6 (sábado ás 19,00 horas) e Xentes 7 (sábado ás 20,30 horas).
Pola súa parte, as curtas da Sección Xénese (onde compiten curtas peninsulares de novos creadores menores de 30 anos) estará dividida en 2 bloques repartidos do seguinte xeito: Xénese 1 (xoves ás 19:00) e Xénese 2 (xoves ás 20:30).
Tal e como recordaron os directores artísticos, varias das proxeccións contarán cun posterior coloquio dos equipos técnicos e artísticos dos filmes co público.
O domingo 23, último día, a programación comezará ás 11,30 horas co visionado do filme de animación “Balto” de Simon Welles, recomendado para todas as idades e especialmente, para público infantil. Xa pola tarde, pecharase o certame coa proxección ás 17,30 horas das curtas favoritas do público e, ás 19,00 horas, coa gala de entrega de premios.
Premios
O voto do público estará dispoñible en tódalas sesións do xoves, venres e sábado, e consistirá en cubrir unha tarxeta ao saír de cada proxección outorgándolle unha nota do 1 ao 10 a cada curta visionada en dita sesión. Por outra banda, o xurado profesional estará composto por Rebeca Losada, ilustradora e deseñadora lucense; Alberto Lobelle, director galego, e Noelia Papín, guionista, actriz, directora e produtora. “Serán os encargados de outorgar os premios á mellor curta internacional Xentes e mellor curta galega Xente de aquí”, detallou Daniel Fernández Filloy.
O xurado novo, encargado do premio á mellor curta de Xénese e do premio á mellor dirección de fotografía estará composto por Miguel Fernández (guionista e director), Aira Portos (creadora audiovisual) e Andrea Varela (directora e produtora).
Actividades cos centros de ensino
Do mesmo xeito que na edición anterior, Xociviga segue apostando por involucrar activamente aos rapaces de educación primaria e secundaria nas actividades culturais e no descubrimento da linguaxe cinematográfica.
A colaboración cos centros de ensino de educación primaria frutifica en dúas proxeccións (xoves e venres ás 11,30 horas) cunha coidada e variada selección de curtas infantís do último ano, curtas dunha altísima calidade artística, preocupadas por transmitir valores de gran importancia para os rapaces e pensadas para emocionar.
Os rapaces de educación secundaria acudirán á proxección retrospectiva de “Fallen angels” o mércores ás 11,30 horas. “É un filme escollido coa intención de descubrirlle aos estudantes una linguaxe audiovisual non normativa, un cine doutros territorios e, en definitiva, unha película interesantísima que lles abrirá as portas a outro lugar na historia do cinema”, resaltaron os directores artísticos.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto Nº1 do Carballiño para coñecer de preto o funcionamento dos programas de diversificación curricular dirixidos ao alumnado da ESO que presenta dificultades de aprendizaxe e para o que esta vía pode supoñer unha oportunidade de acadar o título de graduado.
Estes programas de atención á diversidade están organizados en currículos de ámbitos específicos (lingüístico-social e científico-tecnolóxico) que complementan as materias comúns da etapa educativa. Trátase dunha medida extraordinaria deseñada para cursarse en 3º e 4º da ESO, cunha duración dun ou dous anos, en función das necesidades do alumnado.
O Instituto Nº1 do Carballiño é un dos 167 centros galegos que participaron no curso 2024/25 neste programa, do que se beneficiaron 2.323 estudantes grazas a un investimento global de 8,2 millóns de euros, dos cales 4,9 millóns proceden de fondos europeos FSE/FSE+. Durante a xornada tamén participaron por videoconferencia Mohamed Saho Drammeh e Patricia Pérez-Gómez Delaunay, membros da Comisión Europea, que mantiveron un encontro co alumnado e o profesorado participante no programa de diversificación curricular e resaltaron os bos resultados de Galicia.
Grazas a esta colaboración, os centros dispoñen de maior respaldo na planificación horaria, recursos de apoio e materiais específicos, reforzando así o acompañamento educativo do alumnado que máis o precisa. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional subliñou que estes programas “están directamente ligados a un dos obxectivos prioritarios da Unión Europea: reducir o abandono escolar temperán e avanzar na inclusión educativa real”.
Nesa liña, salientou que Galicia é actualmente un referente estatal neste ámbito, cun 93,3% do alumnado con necesidades educativas especiais escolarizado en centros ordinarios, fronte á media estatal do 85%. A directora xeral destacou tamén que a Xunta continúa reforzando este compromiso a través da Estratexia de inclusión educativa, que incorpora iniciativas pioneiras como os ciclos de FP Básica Adaptada, os programas de acompañamento educativo, os itinerarios formativos adaptados ao alumnado en risco de abandono escolar temperán (como estes) ou a mellora da formación docente en materia de atención á diversidade.

O Centro de Estudios Chamoso Lamas concede o Torques de Honra 2025 á Dra. Mª Generosa Souto Figueroa en recoñecemento á súa traxectoria no estudo químico-analítico das augas termais e mineiromedicinais, en especial as da provincia de Ourense, impulsando a súa valorización como recurso terapéutico e patrimonial.
Doña María Generosa Souto Figueroa, coñecida popularmente como Marita Souto, é un referente internacional en hidroloxía médica e termalismo científico, e en febreiro deste mesmo ano ingresou como Académica de Número na Real Academia Europea de Doctores.
Asemade, no Carballiño, gárdaselle un grato recordo da súa etapa como directora e docente do IES nº 1 da vila na década dos anos oitenta.
Este galardón, que otorga o colectivo cultural e investigador carballiñés con carácter bianual “en recoñecemento do labor daquelas persoas, entidades e publicacións na conservación, recuperación e divulgación do Patrimonio Histórico-Cultural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro”, seralle entregado á premiada nun acto aberto ao público que se celebrará o sábado 13 de decembro, ás 20,30 h, na Casa da Cultura do Carballiño.
TRAXECTORIA DO TORQUES DE HONRA
O Centro de Estudios Chamoso Lamas instituiu o galardón Torques de Honra no ano 2008, e dende entón concedeu un total de once galardóns, sendo este último que se anuncia hoxe o undécimo, tres de xeito extraordinario e oito con carácter ordinario e bianual:
Na primeira edición, en decembro do 2008, entregáronse os Torques de Honra a Manuel Vázquez Fernández, conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e exalcalde do Carballiño; Aurelio Miras Portugal, deputado autonómico e exdirector xeral de Turismo, e Felipe Senén López Gómez, arqueólogo, museólogo e técnico cultural da Deputación da Coruña.
En decembro do 2009 concedeuse o galardón a Olimpo Liste e a súa dona Josefina Fernández, fundadores do Museo Etnográfico Olimpo Liste de Oseira.
En decembro do 2011 entregouse o Torques de Honra ao Almanaque Agrícola.
En decembro do 2013 o galardón foille concedido a Fray Damián Yáñez Neira, bibliotecario do Mosteiro de Oseira.
En decembro do 2015 concedeuse o Torques de Honra ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, que recolleu o seu creador e director Juan Carlos Sierra.
En decembro do 2017 entregouse o oitavo Torques de Honra ao arquitecto nado no Carballiño Manuel Gallego Jorreto.
En decembro do 2019 concedeuse o noveno Torques de Honra aos Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense, que recolleu o seu director, Miguel Ángel González García.
En decembro do 2023 concedeuse o décimo Torques de Honra ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense, que recolleu o seu director, Pablo Sánchez Ferro.
O PSdeG-PSOE de Leiro considera “inaceptable” a sucesión de resolucións de cambios de candidatos e renuncias a un proceso financiado con fondos europeos para a contratación do programa “limpeza forestal xuvenil 2025”. As e os socialistas piden ao goberno municipal que asuma “as súas responsabilidades políticas” neste proceso ante o que consideran unha “tomadura de pelo”. Denuncian que o proceso “é un caos”, no que a transparencia “brilla pola súa ausencia”.
Dende o grupo municipal socialista explican que este programa de contratación xuvenil está financiado pola Xunta de Galicia, a través de fondos europeos, e a selección debe realizarse mediante oferta pública, a través da oficina de emprego. Asemade, tal e como apuntan, o concello, neste tipo de programas “debe limitarse a cumprir o procedemento establecido e respectar a orde e criterios da administración competente, sen interferencias, nin decisións arbitrarias”.
Tal e como explican os concelleiros do PSdeG-PSOE en Leiro, Pedro José González González e Manuel Rodríguez Vázquez, “o 4 de novembro, o concello aprobou unha resolución de contratación e o día 5 rexistrouse xa unha renuncia e substitución inmediata da persoa seleccionada”. Neste senso, os edís socialistas apuntan que a resolución posterior “nomea outro candidato sen aclarar se se respectaron as listas oficiais, nin os criterios da oficina de emprego”.
Ante esta situación, os edís socialistas teñen claro que esta cadea de decisións “irregulares” xera dúbidas sobre “a transparencia e o control do proceso, e podería supor unha desviación dos obxectivos do programa europeo”. González e Rodríguez destacan que “non se pode xogar coa ilusión da mocidade, nin cos cartos europeos que debería servir para garantir un emprego digno e transparente”. Ambos teñen claro que o concello está actuando a base de “improvisación e con total opacidade”.
Ante a situación xerada, dende o PSdeG-PSOE de Leiro veñen de solicitar o expediente completo e tódalas comunicacións coa oficina de emprego, darán traslado a Valedora do Pobo, á consellería de Emprego e ao Consello de Contas de Galicia, e esixen responsabilidades políticas se se confirma trato de favor ou manipulación no proceso. “Leiro necesita decencia e non dedazos”, afirman dende o PSOE, antes de apuntar que “non podemos permitir que os programas xuvenís se convertan en ferramentas de propaganda ou recompensa pública”.
Por último, dende o PSdeG-PSOE de Leiro lembran que tanto o artigo 23.2 da Constitución Española como o artigo 53 do Estatuto Básico do Empregado Público “garanten o acceso ao emprego público en condicións de igualdade, de mérito e de capacidade”.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- …
- seguinte ›
- última »